Arte en acción para abrir os oídos en Chámalle X

Marrocos e o uso do son son os dous protagonistas da oitava edición das xornadas de arte de acción de Pontevedra 'Chámalle X'. A actividade, que foi inaugurada este martes á tarde polo galego Berio Molina e a súa performance 'Devuison', unha particular simbiose entre corpo humano e software para producir ruido, prolongarase ata o venres 11 de novembro. ''Marrocos é o país convidado e o uso do son o fío condutor das propostas'', explicou o mestre de Belas Artes e coordinador da iniciativa, Carlos Tejo.

Tejo explicou este martes, na presentación das xornadas, que a través dos artistas marroquís Othman Fekraoui, Omar Saadoune e Karim Kharbaoui se reflexionará sobre a problemática específica da arte no seu país. ''O xoves pola mañá os tres protagonizarán unha mesa redonda na que falarán precisamente das condicións nas que traballan'', dixo. ''Ademais realizarán cadansúa intervención, neste caso coproducidas por Acción MAD de Madrid''. O sistema de coprodución amplíase desta maneira no Chámalle X, que xa o ano pasado traballara co Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), co que este ano repite. ''No Marco realizarase a última acción das xornadas, o venres. Correrá a cargo de Lucía Peiro''.

(Máis información na nosa edición impresa do 9 de novembro).

Comentarios