Balseiro replica a Santos: "A inversión real da Xunta en Lugo é 40 veces superior á da Deputación"

O delegado territorial cuestiona a "incontinencia verbal" do portavoz do ente provincial, quen pouco antes o definira como "un fanático do Partido Popular"
Álvaro Santos y José Manuel Balseiro
photo_camera Álvaro Santos y José Manuel Balseiro

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, saíu este martes ao paso das críticas do portavoz da Deputación, Álvaro Santos, recordándolle que o investimento real do Goberno galego na provincia é "40 veces superior" ao da institución provincial. Nun comunicado, asegura que no caso da Administración autonómica supera os 1.195 millóns de euros en 2017, fronte aos "algo máis de 30" que destina a Deputación, "dun orzamento de 84 millóns de euros". "E isto comparando investimento real, porque se falamos de orzamento global as magnitudes están moito máis a favor da Xunta", subliña no seu escrito.

Neste sentido, Balseiro sostén que só os recursos que destina a Consellería de Educación para financiar o transporte escolar xa superan a todo o orzamento do ente provincial. "Álvaro Santos, movido pola súa incontinencia verbal, confunde conceptos, non sabe diferenciar entre orzamento e investimento real. Pero é que incluso parece esquecer que Lugo é, con gran diferenza, a provincia de maior investimento por habitante de Galicia", replica, despois de que o portavoz da Deputación o definise este martes como "un fanático do Partido Popular". Ademais, Santos cuestionou os investimentos que realiza a Administración autonómica na provincia de Lugo, alegando que non se corresponden co peso do seu territorio, nin coas súas "singularidades".

Respecto diso, Balseiro lamenta que a institución provincial se mostre "molesta polo esforzo investidor que a Xunta realiza na provincia, cando o lóxico sería todo o contrario". O delegado territorial da Xunta non lle ve "ningún sentido" a que a Deputación "saia presumindo, día tras días, do Plan único provincial, cando este programa de investimentos achega os mesmos recursos que o Fondo de Cooperación local, co que a Xunta distribúe 20 millóns de euros a todos os concellos lucenses, sen excepción, e coa vantaxe de que son os concellos os que deciden libremente o destino destes fondos, non como acontece co plan provincial".

Comentarios