Bárcenas podería ''tirar da manta'' na comparecencia de mañá

Luis Bárcenas comparece mañá ante o xuíz Pablo Ruz tras as revelacións que lle atribuíu El Mundo sobre un suposto financiamento ilegal do PP. A entrega ao seu director de orixinais da presunta contabilidade B do partido e a publicación hoxe mesmo de mensaxes sms entre o ex tesoureiro e o presidente Mariano Rajoy. A correspondencia publicada polo diario foi presuntamente intercambida entre o presidente do Goberno e o ex tesoureiro a conta do caso "Gürtel": O medio presenta esta información baixo o título: "Bárcenas gardaba silencio polo apoio que lle daba Rajoy".

A expectación é máxima ante este preludio de revelacións, que apuntan a que Bárcenas podería mañá "tirar da manta" diante do xuíz coa intención de pór en xaque ao Goberno e na diana a Rajoy como resposta ao seu ingreso en prisión o pasado 27 de xuño.

O ex tesoureiro pasou de negar a autoría desas anotacións contables e a súa filtración a El País a afirmar que o PP se financiou de forma ilegal durante vinte anos nunha entrevista co director de El Mundo, Pedro J.Ramírez, cuxo diario publicaba dous días despois os orixinais dos "papeis de Bárcenas", dos que ata agora só había fotocopias.

A posibilidade de que agora fale libremente a Ruz da existencia desas supostas contas paralelas no PP e de que admita -seis meses despois- que é da súa propia man o documento orixinal que publicou o diario que dirixe Pedro J. o martes e que apunta a Rajoy como receptor de sobresoldos cando era ministro, incrementou o interese de medios estranxeiros por asistir a ese momento na Audiencia Nacional.

Nesta nova citación Bárcenas estará asistido por primeira vez polo seu novo avogado, Javier Gómez de Liaño. Liaño pediu a Bárcenas que "non tire da manta" e que se comporte "lealmente co xuíz e o fiscal". O que foi xuíz da Audiencia Nacional, e agora avogado, negou que o seu cliente Luis Bárcenas sexa "díscolo", senón que "como toda persoa privada de liberdade, está angustiado, que é algo moi natural" sobre todo pola súa situación de prisión "preventiva" Gómez de Liaño negou ter unha opinión persoal sobre a posibilidade de que as declaracións xudiciais do extesoureiro do PP poidan facer caer a un goberno e asegurou que o seu obxectivo é intentar "que as cousas lle vaian ben e que o xuíz poida atoparse coa xustiza de cara".

A aparición dos orixinais -que, en boca do fiscal do caso, Antonio Romeral, "buscábanse con afán"-, levaron o mércores ao xuíz do caso Gürtel a chamar a declarar con menos de 24 horas de antelación a Ramírez e para este luns ao ex tbesoureiro.

Na súa declaración como testemuña o pasado xoves, o director do diario explicou sobre a entrevista a Bárcenas que tivo "unha única conversación con este señor" da que tomou algunhas notas e días despois escribiuno. "Só vin a Bárcenas unha vez na miña vida", sostivo.

Ramírez acolleuse varias veces ao segredo profesional para salvagardar ás súas fontes. Deste xeito evitou identificar quen lle facilitou o orixinal -aínda que dixo que o obtivo o mesmo día que o entregou-, así como revelar as circunstancias dese encontro con Bárcenas, extremos sobre os que se lle preguntará con toda probabilidade ao ex tesoureiro.

Aínda así, desvelou un dato que non publicara no seu xornal e que, afirmou, recordouno ao fío do interrogatorio ante o xuíz. Durante a súa conversación de catro horas co ex tesoureiro, este ao parecer faloulle dun doante que nas últimas eleccións de 2011 quixo facer unha achega ao partido de 300.000 euros e estaba moi interesado en que Rajoy o soubese.

Porén, non facilitou a identidade dese doante, nin aclarou se se produciu esa doazón, xa que son nomes que lle deu o extesoureiro- "e non sei se é verdade", dixo Ramírez-, que apuntou que quen terá que identificar a esas persoas é o propio Bárcenas.

Comentarios