Bruxelas dá por superada a crise dez anos despois

Nun comunicado, a Comisión Europea fai balance con pouca autocrítica e asegura que a economía está de novo "en forma"

A economía da Unión Europea en xeral e da Eurozona en particular está de novo "en forma" e sufriu unha importante "transformación" desde que a crise financeira chegara hai dez anos ao continente europeo, segundo destacou este mércores a Comisión Europea nun comunicado no que fai balance do ocorrido e das decisións tomadas durante a "peor recesión" da historia do bloque comunitario.

"Como resultado destas accións, a unión económica e monetaria de Europa transformouse significativamente e a economía europea, e principalmente a economía da zona euro, está de novo en forma", afirma o Executivo comunitario. 

Bruxelas recordou que o 9 de agosto de 2007 o banco BNP Paribas converteuse na primeira gran entidade europea en sufrir a súa exposición ás hipotecas subprime de Estados Unidos. A situación entón converteuse, explica Bruxelas, nunha crise bancaria e nunha crise de débeda pública que afectaba á economía real.  "Na adversidade, as institucións da UE e os Estados membro tomaron fortes decisións políticas para conter a crise, preservar a integridade do euro e evitar posibles resultados peores", reza o texto do Executivo comunitario. 

En concreto, a Comisión Europea destaca o traballo para regular o sector financeiro, mellorar a gobernanza económica, establecer novos marcos institucionais e legais, pór en marcha unha "devasa" financeira para a zona euro, apoiar aos países con problemas financeiros, mellorar as finanzas públicas das capitais, adoptar reformas estruturais e impulsar o investimento, combater o desemprego xuvenil e mellorar a supervisión bancaria, entre outras cuestións. 

Bruxelas subliña que estas accións explican que a economía europea estea a crecer por quinto ano consecutivo, que o desemprego estea no nivel máis baixo de 2015, que os bancos sexan máis sólidos, que estea a aumentar o investimento e que as finanzas públicas melloraran. "Os recentes acontecementos económicos son alentadores pero aínda queda moito por facer para superar o legado dos anos de crise. A Comisión Europea está completamente mobilizada para cumprir a súa axenda para o emprego, o crecemento e a xustiza social", indica o comunicado. 

OBXECTIVOS. O vicepresidente do Executivo comunitario para o Euro e o Diálogo Social, Valdis Dombrovskis, apostou por seguir traballando sobre a base do "progreso" conseguido". En concreto, nomeou a necesidade de completar a unión bancaria, reformar as economías para incrementar a converxencia, a inclusión e a resiliencia, ao mesmo tempo que se mantén a solidez das contas públicas. 

"Facendo iso, debemos perseguir un enfoque equilibrado no que a redución de riscos e a mutualización de riscos vaian da man e se preserve a unidade do mercado único", salientou.

Na mesma liña, o comisario de Asuntos Económicos e Monetarios, Pierre Moscovici, defendeu a necesidade de "facer uso deste impulso positivo para "completar a reforma da unión económica e monetaria".  "Non todas as herdanzas do pasado se corrixen automaticamente. Vimos desenvolverse grandes diverxencias sociais e económicas dentro e entre os Estados membros. É esencial que o noso traballo contribúa a unha converxencia real e sostible das nosas economías", explicou o socialdemócrata francés.

Comentarios