Candia afirma que ao goberno da Deputación só lle interesa o "enfrontamento" coa Xunta

Defende de que o feito de que Balseiro leve un mes esperando para ser recibido por Campos é un exemplo máis desa actitude

A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, opina que ao goberno da Deputación Provincial só lle interesa "a Xunta de Galicia" para "litigar" e "buscar enfrontamentos" que lle axuden a ocultar a súa deficiente xestión á fronte da institución, pero en ningún caso se preocupa de buscar unha colaboración frutífera coa Administración autonómica.

Para Candia, o feito de que o novo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, leve un mes esperando para ser recibido polo presidente da Deputación Provincial, Darío Campos, dentro da rolda de contactos que mantivo con todas as demais institucións para presentarse, é un exemplo máis desa actitude.


Desde o seu punto de vista, ante esa postura, nun comunicado o Partido Popular sinala que se ve na obrigación de pedirlle ao goberno provincial "responsabilidade" para pór en marcha iniciativas que precisan da colaboración de ambas as administracións para saír adiante.

Con todo, apunta Candia, "cando se lle poñen" ao goberno socialista "propostas concretas sobre a mesa" para traballar de "forma coordinada", iso "nunca interesa".

"Só interesa a Xunta para atacar a Feijóo", lamentou. 

Comentarios