Carlos Branco entrevistouse cun ex etarra para meterse no papel nunha serie de televisión

O actor de Vilagarcía Carlos Branco, que protagoniza esta noite o papel máis importante da súa carreira ao representar a un etarra que pretende acabar coa vida do Rei don Juan Carlos, entrevistouse cun ex-etarra para preparar o papel que teñen que representar.

Esta mini-serie, que se emite hoxe e mañá en Antena3 Televisión, plasma o intento dun comando de ETA de acabar coa vida do Rei, durante as súas vacacións en Mallorca.

O propio Carlos Branco, momentos antes de partir para Madrid, contaba esta mañá o papel que representa na serie. "Son un tal Soto que está obsesionado con matar o Rei, aínda que en realidade se apellida Rego, que o intentou varias veces pero onde máis cerca estivo de logralo foi en Mallorca en ano 1996".

Soto é un personaxe que ten raíces galegas; "estivo fuxido, paso un tempo en Francia e tiven que meterme no seu papel, por fortuna atopei a un antigo terrorista en Portugal e pregunteille moitas cousas para lograr entender a esas persoas e poder meterme esa mentalidade".

Carlos Branco tivo que deixar unha longa barba, engordar dous quilos e conseguir un chisco de acento vasco.

"Penso que a serie vai gustar, graváronse escenas en Alacante, París, Mallorca e Madrid. é moi á americana, ten tensión, está ben feita", sinala Branco.

O actor relatou que "hai pouco no ximnasio atopeime cun Policía que curiosamente participara no operativo de Mallorca, conteille como era o guión e díxome que se axustaba moito á realidade".

Comentarios