Castro prevé gravar a declaración da Infanta

O xuíz do caso Nóos, José Castro, iniciou os trámites para organizar a declaración como imputada o próximo 8 de febreiro da infanta Cristina, unha comparecencia que prevé gravar en vídeo, como se fixo en situacións similares.

O Xulgado de Instrución número 3 de Palma prepara xa a comparecencia xudicial da filla menor do Rei, que, en principio, celebrarase na mesma sala dos xulgados da capital balear na que declarou o seu esposo, Iñaki Urdangarin, en febreiro de 2012 e de 2013.

Aínda que a primeira desas dúas declaracións do duque de Palma foi transcrita por funcionarios do xulgado, na segunda ocasión optouse por gravala en vídeo para axilizar o procedemento, xa que a declaración escrita debe ser repasada e validada polo imputado, algo que supuxo unha notable demora.

Por iso, e como se fixo noutras comparecencias desta causa, no caso da infanta o xuíz puxo en marcha o procedemento habitual para rexistrar a declaración de dona Cristina en soporte audiovisual.

Ao contrario que coas transcricións por escrito, a gravación de vídeo non se pon a disposición das partes senón que queda baixo custodia do propio xulgado, que permite a súa consulta ás persoas lexitimadas para iso só en sede xudicial e baixo supervisión.

No entanto, a defensa da infanta podería solicitar que se modifique a fórmula exposta inicialmente polo xuíz ante o temor de que a gravación se acabe filtrando, solicitude á que haberá de responder o xuíz instrutor.

Comentarios