Catoira e Rianxo piden á Xunta que se faga cargo da ponte do río Ulla

As deputacións de Pontevedra e A Coruña secundan a petición para pedir unha transferencia de competencias
Representantes locais e das provincias de Pontevedra e A Coruña durante o encontro sobre a xestión da ponte
photo_camera Representantes locais e das provincias de Pontevedra e A Coruña durante o encontro sobre a xestión da ponte

Os concellos de Catoira e Rianxo, así como as deputacións provinciais de Pontevedra e A Coruña, solicitarán de forma conxunta á Xunta de Galicia unha reunión na que se trate unha posible transferencia das responsabilidades de xestión e mantemento da ponte interprovincial que atravesa o río Ulla.

Os representantes locais e provinciais argumentan que o viaduto ten características propias dunha infraestrutura autonómica, xa que comunica dúas provincias diferentes e articula a rede de estradas galega ao conectar a autovía da Barbanza e a AP-9, vías de gran densidade de tráfico.

Carmela Silva secundou o chamamento a "chegar a acordos e traballar de forma conxunta para racionalizar as competencias que dan servizo aos veciños e veciñas"


A solicitude de reunión será remitida este venres, despois de que o xoves todas as autoridades implicadas celebrasen un encontro previo promovido polo responsable de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez. Estiveron presentes tamén os presidentes provinciais, Carmela Silva (Pontevedra) e Valentín González (A Coruña), ademais da vicepresidenta coruñesa, Goretti Sanmartín, e os rexedores dos concellos afectados, Alberto García (Catoira) e Adolfo Muíños.

O encontro tivo lugar no contorno da propia ponte, e todos os representantes fixeron énfase na necesidade de iniciar unha rolda de contactos para un mellor reparto de competencias entre os distintos órganos de goberno, a tódolos niveis.

O alcalde de Catoira lembrou que o municipio leva reivindicando este traspaso dende o ano 1979, non só no tocante ós accesos senón tamén no mantemento. "A ponte une dúas provincias, pero tamén vías de comunicación moi transitadas nas que o tráfico pesado é constante" afirmou. "Non ten razón de ser que esta infraestrutura estea na man de deputacións diferentes, e incluso que os dous concellos teñamos que andar arranxándoa". O rexedor coruñés engadiu que "é completamente improdutivo que haxa varias administracións implicadas no mantemento dunha soa ponte e os correspondentes accesos", e lembrou que a Xunta tiña previsto incluíla, xunto cos seus accesos, nas vías de titularidade autonómica como parte do Plan Move.

Pola súa parte, Uxío Benítez quixo facer un chamamento "para que haxa coordinación entre as administracións para que os representantes públicos poidamos racionalizar con boa vontade as nosas competencias". Declinou que a petición fose motivada polo desexo de "eludir responsabilidades", xa que "se van reparar as actuais deficiencias da ponte, pero hai que sentarse a falar da viabilidade dunha posible transferencia".

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, falou de "caos de titularidades" en moitas das conexións entre a provincia ó seu cargo e as lindeiras Lugo e Pontevedra. Atribui isto a unha falta de diálogo "sobre a que se debe reflexionar e hai que corrixir en beneficio dos habitantes das catro provincias galegas".

Carmela Silva, á fronte da Deputación de Pontevedra, secundou o chamamento a "chegar a acordos e traballar de forma conxunta para racionalizar as competencias que dan servizo aos veciños e veciñas". Todas as partes implicadas mostraron unidade sobre esta proposta e as xustificacións legais nas que se sostén, polo que Silva mostrouse optimista sobre a posibilidade de obter o visto bo do goberno autonómico sobre a petición presentada .

Comentarios