Cela di que o alcalde ''prefire enrocarse'' e seguir danando á cidade

O portavoz do grupo municipal do BNG en Santiago, Rubén Cela, pediu hoxe de novo a dimisión inmediata do alcalde compostelán e criticou que prefira "enrocarse no cargo" aínda que con iso "dane" á cidade e prexudique "dun modo gravísimo" a credibilidade da política.

O rexedor Ángel Currás (PP) está imputado na operación Pokemon e a instrutora, Pilar de Lara, non fixou medidas cautelares para el tras a súa declaración. Esta investigación, que leva un xulgado de Lugo, persegue destapar unha presunta trama de corrupción nas adxudicacións públicas de diferentes concellos galegos a empresas, principalmente ao grupo Vendex.

Cela dixo hoxe en declaracións a Efe que "por un exercicio de responsabilidade política e elemental hixiene democrática" Currás debería deixar o cargo, "nós demandámolo desde o minuto cero", e tamén recriminou que "irresponsablemente" o primeiro edil permita no concello "unha situación de profundísimo desgoberno e descontrol".

Así, reprochou ao alcalde que "traslade os problemas do PP ao conxunto da cidadanía".

Esta tarde ás oito reunirase o consello local do BNG, máximo órgano de decisión política, para analizar o que ocorre no consistorio "sen descartar ningunha opción, porque o panorama é excepcional, gravísimo, e require dunha resposta contundente por parte dos veciños e dos grupos políticos con representación".

Comentarios