Colocada a primeira pedra do contradique coruñés

A ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, colocaron esta tarde a primeira pedra do contradique da nova dársena do Porto Exterior de Punta Langosteira.

Pastor e Núñez Feijóo, acompañados polos alcaldes da Coruña, Carlos Negreira, e Arteixo, Carlos Calvelo, así como polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, depositaron tres diarios galegos con data de hoxe e varias moedas no cubípodo que simbólicamente representa esta primeira pedra.

Ao acto de presentación foron invitados tanto representantes das diferentes administracións -central, autonómica e local- xunto cos responsables de institucións públicas e privadas, entidades e colectivos empresariais, profesionais ou sociais.

Así mesmo, acudiron numerosos integrantes da comunidade portuaria coruñesa, desde clientes e operadores ata técnicos das construtoras que participaron na execución do proxecto e o equipo directivo da Autoridade Portuaria.

A nova dársena xa conta con tráficos consolidados e afronta o proceso de traslado de operadores con destacadas concesións xa outorgadas e as primeiras obras de construción de instalacións industriais en marcha.

O contradique é unha infraestrutura de gran importancia para o Porto Exterior da Coruña, xa que completará o abrigo da dársena e permitirá a habilitación de novos peiraos.

Tras a execución da primeira fase, de 450 metros de lonxitude, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria adxudicou a segunda, que prolongará o espigón noutros 900 metros, configurando a súa lonxitude total, cun investimento de 36 millóns de euros.

O manto exterior do contradique está composto por uns bloques de formigón denominados cubípodos, desenvolvidos a través dun proxecto de I+D+i no que participaron a Universidade de Valencia e a empresa SATO, do grupo OHL. Uns bloques que, polo seu deseño, permiten un aforro económico e un maior rendemento na protección da estrutura.

Comentarios