Comisan máis de 200 quilos de pescada de talla antirregulamentaria no porto de Marín

O opertivo tiña previsto sorprendelos en Bueu, pero o barco cambiou de rumbo no último momento

Unha carga de máis de 200 quilogramos de pescada de tamaño antirregulamentario foi comisada nunha operación desenvolvida nun peirao do porto pontevedrés de Marín, segundo informou a Garda Civil.

A operación foi efectuada conxuntamente por axentes da Garda Civil e do servizo de Gardacostas de Galicia tras unha investigación iniciada a principios de novembro pasado, ao descubrir no porto de Bueu unha descarga de pescada de talla inferior á establecida.

Segundo a Garda Civil, a descarga dese tipo de peixe antirregulamentario facíase de madrugada para evitar o control das autoridades.

Os responsables destas descargas deseñaron un dispositivo especial para evitar ser sorprendidos, que incluía unha férrea vixilancia establecida no peirao.

Tras comprobar como traballaban, a Garda Civil e o servizo de Gardacostas despregaron un operativo para interceptar unha das descargas previstas.

O barco pesqueiro que esperaban, con todo, cambiou o rumbo de forma imprevista a última hora e dirixiuse ao peirao de Marín.

Esta manobra, que en opinión das autoridades foi unha fórmula de distracción, foi detectada polos membros do operativo de control e seguimento do barco, que chegaron ao porto de Marín no momento no peixe estaba a ser descargado en dous vehículos.

Os axentes interceptaron os dous coches cando intentaban abandonar do porto e ao ser inspeccionados acharon 201,5 quilogramos de pescada de talla inferior á establecida.

O peixe comisado foi entregado a unha organización encargada dun comedor social e os dous vehículos foron retidos.

Comentarios