A segunda batida de lobos de Viascón conclúe sen ningunha captura

A xornada produciuse nun momento de tensión entre o colectivo ecoloxista Adega e a autoridade competente
Un momento de la batida del lobo
photo_camera Un momento de la batida del lobo

Os montes de Viascón e os seus arredores foron este domingo escenario da segunda das batidas concedidas pola Xunta de Galicia dentro das medidas adoptadas a instancias dun veciño do lugar para evitar máis ataques do lobo ao seu rabaño de cabras que, segundo os cálculos oficiais, perdeu máis de 130 exemplares desde 2015 por culpa dos ataques dos lobos. Anteriormente desenvolveuse unha espera. As tres medidas concedéronse no último trimestre. O dispositivo do domingo contou coa participación da gran maioría de socios dos dous tecores existentes en Cotobade.

O control dos participantes celebrouse ás 9.00 da mañá e nel participaron axentes do Seprona e efectivos de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, que explicaron distintos detalles da normativa aplicar. Así, por exemplo, nesta ocasión, non se permitiu usar petardos, nin nada que emitise ruído como sucedera hai dúas semanas. Deste xeito, só os cans e a presenza de cazadores permitiu ir tratando de ‘levantar’ aos animais dos seus agochos para así poder cazalos.

A batida produciuse nun momento de tensión entre o colectivo ecoloxista Adega e a autoridade competente, posto que a entidade conservacionista denunciou a suposta ilegalidade destas medidas de control de poboación do lobo ante a Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG. A demanda puido influír na decisión de impedir o uso de aparellos que fixesen fortes ruídos para asustar aos animais. O gandeiro que pediu a batida manifestouse este domingo decepcionado por esa decisión. "É imposible que se consiga mover aos lobos se non se fan ruídos e coas condicións nas que saíron hoxe ao monte, só con cans e comezando tan tarde, o máis lóxico é que non se conseguira nada", apuntou Roberto Louzán.

Comentarios