Conde di que a reapertura de Cosmos creou 375 empregos en Sarria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria asegura que a empresa axuda a dinamizar a economía da comarca

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, dixo este venres que o reinicio da actividade da fábrica de Cementos Cosmos, en Oural, grazas á axuda da propia administración autonómica, supuxo a creación de 375 postos de traballo na comarca lucense de Sarria.

Durante a visita que realizou este venres pola mañá ás instalacións da cementeira, recordou que a reapertura de Cosmos foi un dos vinte proxectos empresariais que se beneficiaron das axudas habilitadas a través da Oficina Doing Business, un instrumento da administración autonómica que promove simplificar os trámites burocráticos e que será, segundo o conselleiro, "unha peza fundamental da Lei de Implantación Empresarial".

O conselleiro destacou que o investimento de 3 millóns de euros por parte de Votorantim -a multinacional que é propietaria de Cementos Cosmos- para pór de novo en marcha esta fábrica, está a axudar tamén a dinamizar a economía da comarca, non só polo impacto directo sobre o emprego, senón tamén polo valor engadido bruto que xera a explotación desta actividade, ao redor de 10 millóns de euros anuais.

Ademais, destacou de forma positiva a aposta que está a realizar a multinacional por utilizar combustibles alternativos nos seus fornos, o que permitiu reducir os custos de produción e, dese modo, reforzar a súa estratexia de exportación.

Unha decisión empresarial que, unida á adaptación das propias instalacións, á creación dun novo laboratorio e á constitución de novos equipos de control ambiental, fixeron do centro de traballo de Oural unha "fábrica máis eficiente".

"Cementos Cosmos é un exemplo de como queremos traballar en Galicia, apoiando unha industria sostible, a través da colaboración coas administracións, para acompañar iniciativas eficientes e orientadas ao mercado", precisou o conselleiro.

Comentarios