Detido un home por dispararlle á súa exparella en Vilagarcía

Os feitos ocorreron na vivenda do home en Cruceiro de Galáns este xoves de madrugada ► Alega que usou a escopeta porque se asustou cando alguén entrou na casa
Lugar en el que se produjo el disparo
photo_camera Lugar en el que se produjo el disparo

Axentes da Policía Nacional detiveron a un home de mediana idade por disparar cunha escopeta á súa exparella cando esta entrou, na madrugada deste xoves, no domicilio do home en Vilagarcía de Arousa. 

Segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, os feitos sucederon sobre as 7.30 horas nunha vivenda situada na rúa de Cruceiro de Galáns.

O home, duns 55 anos de idade, relatou aos axentes que disparou porque se asustou cando alguén entrou na vivenda, que resultou ser a súa exparella. A vítima, de 54 anos, recibiu un tiro nun ombreiro, segundo concretaron as mesmas fontes. 

O home foi detido por un delito de lesións á espera de coñecer a declaración da muller, que foi trasladada ao Hospital do Salnés para ser intervida polo disparo recibido. 

Por iso, todas as hipóteses están abertas, á espera de coñecer a declaración da vítima, xa que o autor do disparo apuntou ao roubo como causa do disparo que efectuou na súa casa. 

O home permanece detido en dependencias da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía á espera de pasar a disposición xudicial.

Comentarios