Os gandeiros inclúen a Lalín no mapa das tractoradas do lácteo

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo convoca unha acción informativa xunto ao Eroski da rúa Areal

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia anuncia mobilizacións para o luns, día 14 de decembro, sendo Lalín unha das localidades nas que se focalizarán as protestas. A acción consistirá en ofrecer información ás persoas consumidoras de leite  xunto o Eroski da rúa Areal.

A Plataforma tamén levará as súas reivindicacións a outros puntos de Galicia como son Vilalba, Sarria e Monforte. En concreto, en Vilalba, o sector gandeiro situarase no Maxi Día da rúa Cidade de Lugo; en Sarria, no Eroski Center da rúa Matías López e en Monforte, no Lidl da rúa Chantada. En todos os casos, haberá concorrencia de tractores que manterán a súa presenza no lugar para reclamar un prezo xusto do leite, que cubra os custos de produción.

Por outra banda, tamén este luns, os gandeiros que manteñen os seus máis de 500 tractores aparcados ao redor da Muralla de Lugo participarán nunha manifestación a pé, na que esperan que participe toda a cidadanía lucense. 

Comentarios