A UVigo aposta pola formación interdisciplinar co programa de doutoramento Crea

Esta iniciativa busca reforzar desde un enfoque transversal a contribución da Universidade a liñas prioritarias e retos sociais e globais
Exterior de la Escola de Enxeñería Forestal. ADP
photo_camera Exterior da Escola de Enxeñería Forestal, centro responsable da titulación. ADP

A mellor presentación posible para o Programa de Doutoramento en Creatividade e innovación social e sustentable da UVigo é escoitar aos seus estudantes actuais e aos xa doutorados. Eles teñen moi claro o importante que é no eido da investigación a interdisciplinariedade. Así o explica Antía Iglesias, estudante deste programa dirixido a aqueles que queren facer "unha tese diferente e innovadora" e traballar con investigadores "de ámbitos moi diferentes" nunha experiencia "moito máis enriquecedora". Para eles, púxose en marcha no 2017 o programa de doutoramento do proxecto de especialización do campus de Pontevedra (Campus CREA S2i).

O seu principal sinal de identidade é que as investigacións que se desenvolvan ao abeiro deste doutoramento deben pór en relación cando menos dúas das súas seis liñas de investigación, centradas na innovación nos ámbitos da saúde, a sustentabilidade e a comunicación, o deseño, a sustentabilidade dos recursos naturais, a gobernanza e a profesionalización docente. 

Como sinala Javier Abuín, agora doutor en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, para os que desexan mesturar liñas de investigación como o deporte, a comunicación, a saúde e o medio ambiente, entre outros, este programa é a opción ideal fronte a aqueles que manteñen unha soa liña. "Esta é unha das mellores opcións que teñen agora mesmo en case calquera universidade", destaca Abuín.

Neste sentido, Irene Márquez, estudante do doutoramento Crea, sinala que a diferenza con respecto a outros programas é que "os que nos matriculamos neste doutoramento procedemos de diferentes áreas de investigación. De comunicación, educación, saúde, deporte, medio ambiente... E iso fai que sexa moito máis enriquecedor".

A tamén estudante do programa de doutoramento da UVigo Julia Casado afirma que animaría a unirse a esta iniciativa "a todas as persoas que busquen diferenciarse na súa carreira investigadora, que teñan certa inquedanza por aprender sobre outras liñas de investigación diferentes á súa e que busquen facer unha tese doutoral diferente, innovadora e transversal".

Saídas profesionais do programa de doutoramento Crea

O ámbito laboral do persoal investigador tras rematar o doutoramento pode ser tanto o sector privado coma o sector público, no que destacan os centros de investigación das universidades. Preguntada por se este programa –o doutoramento máis novo da Universidade de Vigo– abre máis portas no mercado laboral a quen o realiza, Ángeles Cancela, coordinadora desta oferta formativa desde agosto de 2020, afirma que "por suposto", xa que "se forman persoas que son interdisciplinares", o que non significa que o programa sexa máis difícil ca outros, senón que "resulta diferente".

En concreto, o persoal investigador poderá: realizar un postdoutoramento –é dicir, traballar nunha institución académica investigando de forma temporal–, investigar e dar clases na universidade, traballar nunha empresa privada en departamentos de I+D+i, así como crear spin offs ou participar en proxectos de auto-ocupación.

A quen vai dirixido o programa de doutoramento da UVigo?

O alumnado desta iniciativa poderá proceder de diferentes titulacións compatibles cos obxectivos e ámbitos do programa, enfocados á creatividade e innovación social e sustentable desde a educación, saúde, deseño, gobernanza, comunicación e ao medio e recursos naturais.

En canto ao perfil de ingreso recomendado, daráselles prioridade ás persoas cun percorrido académico (licenciatura ou grao e mestrado) harmónico coas áreas propias do programa de doutoramento.

Tamén é recomendable ter estudos previos en mestrados oficiais orientados aos mesmos perfís, así como ter un bo coñecemento de inglés (polo menos, nivel B1) para o seguimento dalgunhas actividades formativas, presentacións de comunicacións, asistencia a congresos e a elaboración de publicacións en revistas.

O alumnado cun título estranxeiro sen homologar poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que se acredite un nivel de formación equivalente á do título oficial español de mestrado universitario e que o faculte no país expedidor do título para o acceso aos estudos de doutoramento.

Doutoramento Crea: un programa "interdisciplinar"

Nunha entrevista concedida a este medio hai uns meses Ángeles Cancela explicaba o principal rasgo diferenciador do programa de doutoramento Crea. Neste sentido, afirmaba que se trata dunha iniciativa "interdisciplinar; é dicir, combina seis liñas de investigación (Innovación e sustentabilidade dos recursos naturais; Innovación en saúde; Deseño e innovación social; Innovación, sustentabilidade e educación; Innovación pedagóxica na profesionalización docente e Gobernanza e innovación) e o requisito é que os estudos e as teses que se fagan teñen que tocar polo menos dúas liñas distintas cos seus correspondentes directores", o que fai desta unha formación "moito máis completa".

Está deseñado como un programa innovador que busca estudar e aplicar solucións creativas aos desafíos da sociedade actual desde diferentes ámbitos, explorar novas formas de innovación e, á súa vez, entender o modo en que se desenvolven, conseguen os seus fins ou fracasan.

Este programa dispón de 20 prazas –que nos catro anos que o programa leva vixente quedaron sempre cubertas– na modalidade presencial. O centro responsable do título é a Escola de Enxeñaría Forestal e os contidos do mesmo impártense en castelán, galego e inglés.

Prazos de preinscrición e matrícula

Se ben o primeiro prazo permanece xa pechado desde o pasado 7 de outubro, este programa de doutoramento conta cun segundo período de matriculación. Nesta segunda quenda a preinscrición permanecerá aberta do 3 ao 7 de febreiro de 2022, cuxa listaxe definitiva se publicará o 23 de febreiro, para dar comezo ao período de matriculación do 24 ao 28 de febreiro.

Máis información
Web da titulación: http://pdcrea.webs.uvigo.es/
Redes sociais: Facebook. Twitter, Instagram e LinkedIn