De Els Joglars aos Chévere

Berto Romero (18 de octubre)
photo_camera Berto Romero (18 de octubre)

O teatro marcará a programación cultural na capital da provincia entre setembro e decembro. Charo López, Els Joglars e Berto Romero virán ao Centro Social Novacaixagalicia, mentres Chévere e Talía presentarán as súas últimas montaxes no Pazo da Cultura.

Actores como Miguel Ángel Solá e Charo López; humoristas como Berto Romero e Os da Ría, e compañías tan prestixiosas como Els Joglars e Chévere protagonizarán o outono cultural de Pontevedra . Coa programación do Centro Social Novacaixagalicia practicamente pechada e coa do Pazo da Cultura avanzada, as entradas para a maioría dos espectáculos que se poderán ver entre setembro e decembro na capital da provincia están á venda (taquilla.servinova.com). Os prezos, dependendo do show do que se trate, van dos 12 (Real Filharmonía de Galicia) aos 36 euros (Ballet Nacional Ruso).

As actividades da última parte do ano comezarán o 19 de setembro coa representación da obra 'Ni para ti, ni para mí', que reúne enriba do escenario a Miriam Díaz Aroca e Belinda Washington. Actuarán no Centro Social Novacaixagalicia, que acollerá once espectáculos ata finais de ano.

Á comedia dirixida por Juan Luis Iborra seguiralle un dos pratos fortes da temporada: a presentación de 'El coloquio de los perros' por parte de Els Joglars. Fiel á súa cita con Pontevedra, a compañía catalana trae desta vez a adaptación libre que fixo da novela exemplar de Cervantes. Ramón Fontserè (Cipión) dirixe e protagoniza esta montaxe que puido verse este verán, entre outros sitios, no Festival de Teatro Clásico de Cáceres.

O monologuista Berto Romero ('Buenafuente'), que xa pasou pola cidade cos seus shows anteriores, volverá con 'Sigue con nosotros', despois de pasar o verán no programa de radio 'Nadie sabe nada' (Ser) con Andreu Buenafuente.

As propostas do mes de outubro en Novacaixagalicia rematarán con outra obra de teatro das que se din imprescindibles: 'El veneno del teatro'. A montaxe, dirixida por Mario Gas (tras deixar o Teatro Español) e protagonizada por Miguel Ángel Solá e Daniel Freire, puido verse no pasado festival do Grec de Barcelona.

Comentarios