De 'furanchitos' polo Morrazo

Os 'furanchos' xa comezan a vivir a súa época grande, e, como sabedes que á miña non me gusta perderme unha, propúxenme o fin de semana facer unha ruta polo Morrazo para ver que tal saben os viños desta península. Para a miña sorpresa, na miña parada por Cangas atopeime con que non son a única afeccionada a estes mesteres. Polo furancho da Retirosa, na parroquia canguesa de Coiro, ás veces déixase ver o concelleiro de ACE, Mariano Abalo, un veterano da política neste municipio. Dinme que a Abalo lle encanta conversar, imaxinámonos que viño de por medio, aínda se animará máis a cousa. Outro dos furanchos que visitei na comarca foi o de Freixomil, en Beluso, a pouquiños metros da igrexa, e vaia se estaba bo o seu viño. Un saúdo forte mándolles desde aquí a Juan Ratonero e á súa esposa, que nos atenderon fenomenalmente.

A quen tamén me contan que lle viron moi animado estes días en terras morracenses é ao portavoz do grupo municipal do PSOE de Bueu, José Castro, pero, neste caso, non foi grazas ao viño senón á 'queimada' que prepararon os seus amigos da comparsa Vou nun Bou no último dos seus ensaios, no seu local de Bon. Alí xúntanse caras coñecidas desta localidade, onde en breve sorprenderán coas súas picantes letras de Entroido. E xa cambiando de formación política, aínda que non de comarca, tamén mandamos un saúdo ao alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, quen non sabemos como fai para traballar tanto. Parece que o rexedor non se toma un respiro de tanta obrigación, aínda que merecidas ben se ten unhas vacacións. Outro mandatario a quen tamén vemos 'a lume de biqueira' é ao seu homólogo de Moaña, o popular José Fervenza, a quen mandamos un especial agarimo e acompañámoslle neste difícil momento pola perda da súa nai. Desde aquí, todo o noso apoio para el.

Comentarios