Denso pide asinar un convenio para tres anos co que pór fin á folga indefinida

A empresa Denso Sistemas Térmicos de España, auxiliar da automoción con sede no polígono vigués de Valladares, propuxo un convenio con vixencia de tres anos durante os que se contempla "un incremento salarial, novas contratacións e redución de xornadas laborais" co obxectivo de pór fin á folga indefinida iniciada o pasado martes.

A través dun comunicado, Denso manifesta a súa "confianza" na "pronta finalización" deste conflito con esta oferta que, esperan, "peche a negociación".

Desde a empresa auxiliar manifestaron que estas propostas se realizarán tendo en conta "a flexibilidade que unha empresa como Denso debe contemplar de face aos seus clientes", entre os que se atopa a factoría viguesa do grupo PSA Peugeot-Citroën.

A compañía manifestou ademais o seu "respecto" ao dereito a folga dos traballadores e realizou un chamamento ao comité de empresa para "resolver esta situación canto antes", xa que "mingua a competitividade da compañía nun contexto económico complexo e clave para o sector da automoción en Galicia".

Coa folga, os traballadores pretenden denunciar "incumprimentos" de convenio en materia de contratacións así como a actitude "inmovilista" da dirección no relativo á negociación dun novo acordo laboral.

Desde o sindicato CIG xa destacaron o "seguimento masivo" que está a ter o paro secundado, segundo transmiten, polo 100% do persoal de produción.

A empresa considera pola súa banda que os argumentos dos sindicatos "non xustifican levar a empresa a un conflito laboral desta envergadura", posto que defenden que a compañía mantén unha "vontade negociadora" e que "segue aberta ao diálogo" para alcanzar "o mellor convenio posible no menor período de tempo".

Defenden que, deste xeito, poderíase retomar a actividade para "garantir tanto a competitividade como a rendibilidade da planta".

Comentarios