Deputación e Xunta se alían para analizar como mellorar o servizo de urxencias en toda Pontevedra

Crearán unha comisión de traballo para analizar as zonas de sombra e os tempos de resposta na provincia
Carmela Silva y Luis Menor
photo_camera Carmela Silva y Luis Menor

A Deputación de Pontevedra e o Goberno galego crearán unha comisión de traballo para mellorar os servizos de urxencias na provincia. A presidenta da primeira institución, Carmela Silva, e o director xeral de Emerxencias da Xunta, Luis Menor, compareceron xuntos en rolda de prensa para explicar o acordo adoptado no pleno do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios.

Os dous recoñeceron que existe un problema na provincia de Pontevedra coas zonas de sombra que contempla o mapa de urxencias e os tempos de resposta, polo que se trata dun dos temas prioritarios a abordar pola comisión, do mesmo xeito que a mellora e optimización dos Grupos de Urxencia Supramunicipal (GES), que conclúen a súa vixencia a metade do ano 2018. "É necesario saber como cubrimos o servizo que prestan estes equipos, mellorar e optimizar os seus recursos serán os temas que se abordarán nesta mesa", sinalou Carmela Silva.

Pontevedra dá este paso unha vez que foi constituída a mesma comisión no ámbito galego, onde estarán presentes as catro deputacións, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta. "É unha boa noticia", resaltou Silva.

Mentres, Luis Menor subliñou que, no caso da comisión da provincia de Pontevedra, abordará aqueles aspectos máis específicos expondo aquelas solucións máis reais para arranxar os problemas detectados sobre as zonas de sombra e nos tempos de resposta dos servizos de urxencias. "E se hai que negociar comarcalizacións negociarase ".

O estudo realizado polo xerente do Consorcio de extinción de incendios servirá como base para esta análise dos tempos de resposta e as necesidades para garantir unha correcta prestación do servizo. Tal e como manifestou Carmela Silva, "non é unha comisión de estudo para alargarse no tempo e marear a perdiz", dixo. "Vai ser moi rápido".

O pleno celebrado este xoves tamén aprobou o orzamento do Consorcio que para o ano próximo será de 3,3 millóns de euros que financiarán ao 50 por cento pola Xunta e a Deputación.

Comentarios