Desaparecen dous mariñeiros ao afundir un pesqueiro de Celeiro

Dous mariñeiros atópanse desaparecidos e catro foron rescatados con vida ao afundir un pesqueiro con base no porto de Celeiro-Viveiro, na Mariña de Lugo. Os desaparecidos son José Pardiño Parapar, de 46 anos, natural de Viveiro e con dous fillos; e Benigno Vázquez García, de 36 anos, natural de Meaño, residente en Burela e pai dunha moza.

O pesqueiro de nome Safrán, de 17,5 metros de eslora e dedicado á pesca a volante no Cantábrico, afundiuse onte á noite a 35 millas ao norte de San Sebastián.

Polo momento descoñécense as causas do afundimento, segundo a mesma fonte, que informou de que as condicións meteorolóxicas no lugar do suceso son de vento forza 5 a 6, forte marusía e mar de fondo de 3 metros.

Os catro mariñeiros rescatados dos seis que integraban a tripulación do pesqueiro foron trasladado ao porto de Santoña, Cantabria, ao redor da unha da tarde. Posteriormente, esta mesma tarde, foron devoltos a Viveiro e Burela, na Mariña, onde xa descansan xunto ás súas familias.

Os mariñeiros foron rescatados por outro pesqueiro, de nome Osmerexos, de Agarimo, na Coruña, que os trasladou ao porto cántabro.

O armador do barco afundido é José Sánchez Casabella, de Celeiro, segundo informou nun comunicado a Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro de Galicia.

Un portavoz de Salvamento Marítimo sinalou que os labores de coordinación do dispositivo de procura dos mariñeiros desaparecidos corresponde ás autoridades de Francia.

Son varios os medios de españois e franceses que participan nos labores de procura dos tripulantes do volantero desde que se tivo coñecemento do suceso.

As tarefas desenvolvéronse durante toda a noite pasada e a xornada do domingo, ata suspenderse coa chegada da noite. Está previsto que mañá se active de novo o traballo de rescate na zona. 

Nos traballos participan o helicóptero de Salvamento Marítimo Helimer 207 con base en Santander, que alterna a procura co Helimer 213, de Xixón.

Tamén participan o buque María de Maeztu, a embarcación Salvamar Orión e varios pesqueiros que se atopaban faenando na zona na que se afundiu o Safrán.

Por parte francesa, participan un helicóptero e un avión, indicou a mesma fonte. 

Comentarios