Detido outro irmán de Sinaí Giménez en Tomiño

Os axentes levaron documentación da vivenda de Marino Giménez. Hai dúas semanas foron arrestados o 'príncipe xitano', dous irmáns seus e o pai de todos eles por supostas extorsións a vendedores ambulantes
Marino Giménez, el hermano de Sinaí, se enfrentó a unos reporteros de La Sexta
photo_camera Marino Giménez, el hermano de Sinaí, se enfrentó a unos reporteros de La Sexta

Varias patrullas da Garda Civil e da Policía Nacional despregaron este martes a segunda fase da operación Vida e detiveron a Marino, irmán de Sinaí Giménez, arrestado hai dúas semanas xunto a outros membros do clan dos Morones baixo a acusación de extorsionar a vendedores ambulantes e formar parte dunha organización criminal. No operativo tamén foi detida a parella de Marino.

Sinaí Giménez, o autoproclamado príncipe galego dos xitanos, permanece en prisión desde o seu arresto, do mesmo xeito que os seus irmáns Saúl e Juan Paulo e o seu pai, Olegario Giménez, alias Morón. Do mesmo xeito que hai quince días, a operación desenvolveuse no barrio da Pedra, en Tomiño, onde o clan ten fixada a súa residencia en distintos chalés de luxo.

A Garda Civil, que contou co apoio do equipo cinolóxico e da Policía Nacional, incautouse de diversa documentación que deberá ser analizada e coa que os investigadores pretenden demostrar a implicación deste detido nunha suposta organización criminal á que se lle imputan os supostos delitos de ameazas, extorsión, branqueo de capitais, fraude á seguridade social, tenencia ilícita de armas e tráfico de drogas.

Os dous detidos este martes foron trasladados á comandancia da Garda Civil en Pontevedra e nas próximas horas serán postos a disposición xudicial do xulgado de instrución número 3 de Cangas.

PRIMEIRA FASE. Na primeira fase da operación vida foran detidas once persoas do núcleo familiar, dos que catro –o patriarca e tres dos seus fillos– ingresaron en prisión tras comparecer no xulgado de instrución número tres de Cangas. Os restantes membros do clan familiar e achegados, quedaron en liberdade provisional coa obrigación de comparecer ante a Xustiza os días 1 e 15 de cada mes.

Os delitos investigados son os de organización criminal, extorsión, coaccións ou ameazas, contra a Seguridade Social, tráfico de drogas, tenencia ilícita de armas e branqueo de capitais.

O conflito entre os denominados clans xitanos dos morones e os zamoranos, sobre o cal se iniciaron as indagacións, tivo varios episodios violentos, con liortas en Cangas e na céntrica rúa Gran Vía de Vigo.

O episodio máis grave produciuse cando un grupo de zamoranos foi tiroteado ao regresar ao Porriño tras participar no mercadillo de Coia, en Vigo, sen que polo momento as forzas de seguridade arresten ao autor ou autores do asalto. O enfrontamento entre estes dous clans propiciou, así mesmo, o exilio dun centenar de familias zamoranas a Castela a finais de 2014 por desavinzas sobre a feira da localidade galega de Tui, na fronteira hispano-portuguesa.

Comentarios