Detido un pastor por unha suposta neglixencia no incendio en que morreu un brigadista

Un pastor de nacionalidade romanesa foi detido pola súa presunta vinculación co incendio ocorrido en Castrelo do Val, no que o pasado martes faleceu un brigadista cando traballaba en labores de extinción de incendios.

Segundo explicou o alcalde da localidade, Vicente Gómez, a Garda Civil detivo na tarde de onte ao pastor, que traballaba desde hai uns seis meses nunha granxa da zona.

Ao parecer, o día do suceso realizouse un lume non autorizado "moi pequeno, que non chegou a apagar" e que posteriormente "se reavivou" a causa do vento.

O rexedor de Castrelo do Val reafírmase así na súa hipótese de que o incendio non foi intencionado, senón que se produciu por "unha neglixencia", debido a unha queima que posteriormente se descontrolou.

Con todo, Gómez asegura que segundo lle trasladou o dono da granxa, o pastor non sería responsable do incendio, posto que no momento dos feitos atopábase na granxa comendo con eles desde as 13:00 horas, polo que non puido estar no lugar.

O pastor atópase nestes momentos en dependencias da Garda Civil, que mantén aberta as investigacións coa fin de esclarecer o ocorrido o pasado martes no incendio de Castrelo do Val, no que faleceu o brigadista da Xunta Higinio Vilas.

Comentarios