Detido un home por intentar prender lume nun monte e conducir co carné retirado

A Garda Civil de Tui detivo a J.C.T., de 38 anos de idade e veciño de Outeiro (Tomiño), como presunto autor dun delito de incendio, por tratar de prender lume nun monte, e outro de quebrantamento de condena por conducir un turismo co carné retirado por orde xudicial ata decembro de 2013.

Os feitos ocorreron o pasado día 5 a medianoite cando, segundo informa o Instituto Armado, o imputado conducía vehículo Seat Eivissa de cor gris "e intentou prender lume lanzando papeis acendidos a modo de facho e tamén mediante chisqueiro coa intención de provocar un incendio forestal no barrio de Outeiro", en Santa María de Tebra, no municipio de Tomiño.

As mesmas fontes indicaron que realizou esta acción ata "en catro puntos distintos do monte", conseguindo prender nun deles, o cal foi apagado polos gardas civís que se atopaban apostados en previsión de accións similares, que evitaron así a probabilidade de que o incendio se estendese, segundo precisou a Benemérita.

Dado que o autor foi "plenamente recoñecido", segundo indica a Garda Civil, así como a matrícula do vehículo que conducía, primouse o apagar o inicio do incendio, polo que non se produciu nese instante a detención do autor de feito, senón máis tarde, no seu domicilio e unha vez identificado.

En canto á imputación do delito de quebrantamento de condena, as mesmas fontes apuntaron que os axentes consultaron o estado do seu permiso de conducir e constataron que o ten retirado por orde xudicial.

No entanto, os axentes non procederon á inmovilización do turismo, xa que no momento da detención atopábase estacionado no seu domicilio. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución Número 1 de Tui. Mentres, o individuo quedou en liberdade con cargos.

Comentarios