Detido en Ourense por agredir e intentar roubar a un viandante que lle acababa de dar esmola

O arrestado esixiu á vítima que lle entregase máis diñeiro e, ao negarse, agarrouna polo pescozo e tirouna ao chan

Axentes da Policía Nacional detiveron en Ourense a un home ao que se lle imputa a autoría dun roubo con violencia en grao de tentativa no centro da cidade tras intentar subtraer o diñeiro a unha persoa que lle acababa de dar un donativo de cinco euros.

Segundo informa a Policía Nacional, os feitos que motivaron a detención ocorreron na madrugada do pasado 5 de novembro cando se recibiu unha chamada na Sala 091 na que se comunicaba que dous homes se pelexaban na rúa Santo Domingo de Ourense.

Axentes do Grupo de Seguridade Cidadá da Comisaría Provincial de Ourense acudiron ao lugar onde varios viandantes lles comunicaron que un individuo intimidara a un cidadán para que lle entregase o diñeiro que portaba e, ao negarse este, agredírao, co ánimo de arrebatarllo pola forza.

A dotación policial, cando se atoparon coa escena que lle sinalaron as testemuñas, interviñeron de inmediato, relatan as mesmas fontes policiais, e procederon á identificación do presunto agresor.

A vítima manifestou que momentos antes, cando paseaba pola rúa Santo Domingo, un home lle pedira diñeiro e, nun acto espontáneo de solidariedade, entregoulle cinco euros; tras o que lle pediu máis diñeiro porque cando sacou a carteira observou que portaba máis billetes.  Ao negarse a vítima, o individuo posteriormente detido agarrouno polo pescozo e tirouno ao chan, o que lle provocou a rotura das súas lentes e varias lesións na cara, momento en que varios cidadáns que observaron o feito auxiliárono.

A patrulla policial, ante as manifestacións de testemuñas e vítima, procederon á detención do presunto autor dos feitos, ao que se lle imputa a presunta autoría dunha tentativa de roubo con violencia/intimidación, polo que foi trasladado a comisaría para o esclarecemento dos feitos.

O detido é un home de 32 anos de idade, natural de Ourense e ao que lle constan tres arrestos anteriores. O individuo quedou en liberdade con cargos tras pasar a disposición xudicial.

Comentarios