Deteñen en Francia ao etarra Oier Ardanaz

O presunto membro da organización terrorista ETA detido onte mércores en Francia é Oier Ardanaz Armendariz, confirmaron hoxe a Efe fontes da loita antiterrorista.

Ardanaz Armendariz foi detido por forzas de seguridade francesa na localidade de Périgueux, no departamento de Dordoña (suroeste de Francia) despois de que intentase, xunto a outra persoa, roubar un coche.

Segundo as fontes, a Subdirección Antiterrorista da Policía francesa (SDAT), encargada da investigación, segue buscando ao segundo presunto etarra que logrou fuxir.

Ardanaz Armendariz sufriu un accidente cando era perseguido polo roubo dun coche, polo que tivo que recibir nun primeiro momento atención médica nun hospital tras ser detido.

O pasado 16 de xuño, outro presunto membro de ETA Iñaki Domínguez Atxalandabaso, foi detido á súa entrada en Francia desde Italia por axentes da Policía do Aire e de Fronteiras que realizaban un control nun tren que cubría a liña Turín-París á súa entrada en territorio francés, en Modane.

Os axentes sospeitaron deste home de 36 anos, quen se atopaba fuxido desde 2002, ao verificar que os documentos que lles entregou estaban falsificados.

Comentarios