Dia pecha un acordo cos gandeiros

A empresa comprométese a contratar, como mínimo, cunha temporalidade trimestral e a incrementar en dous céntimos a retribución por litro de leite recollido en Galicia

A empresa Dia mantivo unha reunión ao longo da tarde deste mércores con representantes do sector gandeiro co obxectivo de pechar un acordo que contribúa á sustentabilidade do sector lácteo.

Este contén tres compromisos fundamentais e o primeiro deles é aplicar un sistema de contratación que proporcione unha maior estabilidade (como mínimo cunha temporalidade trimestral) nos volumes adquiridos polos provedores de leite galego.

Tamén, informou a compañía nun comunicado, incrementar en dous céntimos a retribución por litro de leite -aplicados desde o 1 de decembro- recollida en Galicia por todos os seus subministradores, que de xeito obrigatorio han de ser trasladados por parte do provedor aos gandeiros galegos.

O último aspecto é o compromiso da compañía de traballar de xeito conxunto cos seus provedores na identificación da procedencia e orixe do leite.

Dia espera agora que os gandeiros, que deben ratificar en asemblea o acordo, retiren o bloqueo do seu almacén para poder traballar con normalidade e dar cumprimento a devanditos compromisos.

A cadea de supermercados subliña na nota que sempre estivo en todas as mesas de negociación e que é partidaria de solucionar desde o absoluto respecto ás normas de libre mercado e ao dereito da Competencia esta situación apostando polo sector lácteo galego e español apoiando a sustentabilidade e rendibilidade de toda a cadea produtiva.

Comentarios