Diego Calvo sinala que o PP ''asume responsabilidades cando outros partidos non dan a cara''

O secretario xeral do PP na Coruña, Diego Calvo, sostivo este domingo, sobre a dimisión do deputado Javier Escribano, que o PP está a actuar "con transparencia e prudencia, pero tamén con contundencia", e "asume responsabilidades mentres que outros partidos non dan a cara".

Nun comunicado, o secretario provincial asegura que o PP colaborará coa xustiza "como sempre fixo". "As diferenzas son claras segundo o partido", argumentou, pois "o PP e os seus membros actúan con responsabilidade, mentres noutros partidos, en situacións semellantes, non dan a cara".

Calvo, que participou na entrega de trofeos da XXXIV Carreira Popular Pedestre de Santiago, sostivo que Escribano informou o partido de que estaba incurso nun procedemento xudicial e que quería deixar a súa acta para poder adoptar as medidas necesarias para defenderse.

Sobre os motivos da investigación xudicial, o dirixente limitouse a indicar que "non teñen ningunha relación co caso Campión'' e engadiu que "debemos deixar que actúe a xustiza".

Comentarios