Diego Gago asume o reto con ilusión: "Traballarei o dobre"

Diego Gago
photo_camera Diego Gago

O concelleiro vigués Diego Gago, presidente de Novas Xeracións en Galicia desde marzo de 2014, confirmou que optará a liderar a organización xuvenil ligada ao PP no ámbito estatal, un reto que asume "con ilusión e responsabilidade", e que compaxinará coa súa acta de edil na cidade olívica, coa que ten "un compromiso irrenunciable". "Traballarei o dobre, sacareino do meu tempo persoal", proclamou Gago, quen subliñou que se trata de cargos diferenciados (na vida orgánica do partido e nunha institución, respectivamente).

O dirixente vigués ratificou o seu paso adiante arroupado e entre aplausos de varios compañeiros de NN.GG. en Galicia. Gago sentenciou que "non hai nada máis grande" que optar a dirixir a organización xuvenil que lle deu "todo" e, aínda que preferiu reservarse os alicerces do seu proxecto para a campaña interna que antes do conclave levarao por todas as comunidades de España, avanzou que aspira a liderar unhas NN.GG. "vivas e fortes". "Aquí hai xente normal, de todo tipo, con todas as formacións", aseverou o dirixente vigués, quen non puido ocultar que o feito de que o futuro líder de NN.GG. sexa galego é "un puntazo". 

Comentarios