Dijsselbloem pide a Tsipras que forme rápido o Goberno e continúe co proceso de reformas

Tsipras obtivo o 35 % dos votos nas eleccións xerais anticipadas

O presidente do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbloem, felicitou hoxe ao líder de Syriza, Alexis Tsipras, pola súa vitoria nas eleccións e pediulle a rápida formación dun Goberno para "proseguir o proceso de reformas" en Grecia .

"Felicito a Alexis Tsipras e a Syriza", sinalou Dijsselbloem nun breve comunicado, no que asegurou estar "preparado para traballar estreitamente coas autoridades gregas e para seguir acompañando a Grecia  nos seus ambiciosos esforzos reformistas".

"Estou a desexar ver agora a rápida formación dun novo Goberno cun forte mandato para continuar o proceso de reformas en Grecia", recalcou o tamén ministro de Finanzas de Holanda.

Tsipras obtivo o 35 % dos votos nas eleccións xerais anticipadas e vai seguir  gobernando cos nacionalistas Gregos Independentes.

TAREFAS PENDENTES. O líder esquerdista, cuxo partido obtivo sete puntos porcentuais máis que a conservadora Nova Democracia (28%), terá que executar agora o terceiro rescate asinado en agosto pasado cos seus socios da eurozona, que prevé duros axustes e reformas durante tres anos a cambio de ata 86.000 millóns de euros en créditos por parte dos acredores europeos.

Tsipras tamén terá que negociar a partir de outono cos seus socios do Eurogrupo un alivio da débeda grega, insostible segundo recoñeceron abertamente o Fondo Monetario Internacional (FMI) e tamén as institucións comunitarias.

Os países descartaron unha quita nominal no Eurogrupo que pechou o terceiro rescate o 14 de agosto pasado, pero se mostraron dispostos a considerar, se fose necesario, posibles períodos de graza e vencemento máis prolongados para aliviar a débeda grega.

Tamén no outono Tsipras e o seu Goberno terán que someterse primeira revisión do cumprimento do rescate tras o atraso nas reformas que produciu a convocatoria das eleccións anticipadas.






Comentarios