Deputados do PSdeG mostran o seu malestar polo pacto co PPdeG

O Parlamento elixiu este luns á nova Valedora do Pobo e o Consello de Administración de CRTVG e cubriu as vacantes do Consello de Contas. Cinco socialistas romperon a disciplina de voto
 Milagros Otero acompañada por sus padrinos de ceremonia, el abogado y coronel auditor del Cuerpo Jurídico Militar Julio Padilla Carballada y el catedrático de la Universidad de A Coruña Domingo Bello Janeiro
photo_camera Milagros Otero acompañada por sus padrinos de ceremonia, el abogado y coronel auditor del Cuerpo Jurídico Militar Julio Padilla Carballada y el catedrático de la Universidad de A Coruña Domingo Bello Janeiro

Os deputados do PSdeG no Parlamento de Galicia reuníronse antes da celebración do pleno extraordinario deste luns no que se nomeou nova Valedora do Pobo a Milagros Otero, así como os membros do Consello de Administración da CRTVG e as vacantes a cubrir do Consello de Contas. Na xuntanza, os deputados mostraron o seu malestar co pacto entre o PSdeG e o PPdeG nestes asuntos.

Tras someterse a votación, aprobáronse os nomeamentos. Son necesarios os dous terzos do Hórreo que fixa o Regulamento para que estas decisións saian adiante.

Dos 58 deputados chamados a votar favorablemente (os que suman PPdeG e PSdeG), ata oito non apoiaron a elección da xefa de prensa do líder socialista José Ramón Gómez Besteiro, na súa etapa como presidente da Deputación, Leticia Vilar, para sentar no órgano de dirección dos medios públicos galegos. Vilar contou coas 50 papeletas xustas que necesitaba.

O xefe de comunicación do PPdeG, Luis de la Matta, recibiu 53 apoios, os mesmos que a nova Valedora.

Algúns parlamentarios aseguraron a Europa Press que o malestar no grupo socialista é palpable, o que os levou a romper a disciplina de voto. As discrepancias xa foran trasladadas a Besteiro en xullo, cando se cuestionou a conveniencia de selar un pacto co PP excluíndo a Age e BNG, posibles socios de goberno.

Na reunión criticouse a "pasividade" da executiva socialista na defensa a Xaquín Fernández Leiceaga, primeira opción do PSdeG para o Consello de Contas, que foi vetado polo PP. A proposta dos populares fora José Antonio Redondo, exidrector xeral na Xunta con Manuel Fraga.

Comentarios