Echenique avala a xestión de Ada Colau para cambiar o modelo de turismo

O secretario de Organización de Podemos defende que quen "vive de cerca" o problema ten "as claves" para solucionalo

O secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, está "totalmente de acordo" coa alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, sobre os ataques contra o turismo e considera "dificilmente xustificables" as pintadas cando hai "vías democráticas" para cambiar o modelo, como está a facer Colau.


A preguntas dos xornalistas en Toledo, tras a toma de posesión dos dous membros de Podemos que se incorporaron ao Goberno do socialista Emiliano García-Page, Echenique defendeu que quen "vive de cerca" o problema ten "as claves" para solucionalo.

Mostrouse "totalmente de acordo" coa postura de Colau e argumentou que "é moi dificilmente xustificable que se pinte un autobús ou que se pinte un pequeno comercio" cando hai "vías democráticas para cambiar o modelo" como as que está a utilizar o Concello de Barcelona.

Neste sentido, sinalou que o Consistorio "puxo coto" aos pisos ilegais baixo a premisa de que unha actividade que supón o 13 por cento do PIB da cidade "hai que protexelo", pero tamén sinalou que "protexelo é ordenalo" fronte ao que fixo o anterior goberno municipal de Convergència i Uniu, que "sumiu o turismo de Barcelona nun caos".

Echenique defendeu que o equipo de Colau "está a pór orde", entende a industria turística é "importante" e ten que coidala pero de forma "sostible", o que pasa por ordenalo de maneira que "non prexudique en exceso" a vida dos veciños.

O dirixente de Podemos manifestou que para conseguir esta situación non fan falta manifestacións "nas cales a xente se pode sentir intimidada ou que poden danar o material público ou a propiedade privada de pequenas empresas".

Pero tamén indicou que "non é adecuado" comparar o que está a ocorrer con Eta: "Creo que iso non é de recibo, pero xa estamos afeitos a que o Partido Popular e a súa muleta laranxa fagan política con todo e chame Eta a practicamente todo", indicou

Comentarios