Ecoloxistas entregan 200.000 firmas de 183 países contra as prospeccións en Canarias

Representantes das cinco principais organizacións ecoloxistas españolas entregaron na sede de Repsol en Madrid máis de 200.000 firmas, recollidas en 183 países, contra as prospeccións petrolíferas en augas próximas a Canarias.

As firmas, reunidas en tres grandes urnas, foron presentadas nesta empresa por responsables de Greenpeace, a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/Birdlife), WWF, Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra, aos que se sumaron representantes do Cabildo de Lanzarote e da Confraría de Pescadores del Hierro.

A reclamación, presentada inicialemente por WWF ante a Comisión Europea, xorde polo "incumprimento" da normativa comunitaria en relación á autorización destas prospeccións petrolíferas, segundo informou a organización ecoloxista nunha nota.

Segundo WWF, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente aprobou a avaliación de impacto ambiental do proxecto "sen analizar adecuadamente a riqueza natural da zona afectada, entre outras graves deficiencias que vulneran as directivas" de protección da natureza.

En declaracións aos medios, os portavoces das cinco organizacións ecoloxistas rexeitaron o proxecto de Repsol por ''anticuado'' e "caduco" e esixiron ao Goberno que aposte definitivamente polas enerxías renovables.

Ezequiel Navío, representante do Cabildo de Lanzarote, pediu á petroleira que, fronte ás medidas preventivas e de corrección que lle pediu o Goberno para elaborar o informe de impacto ambiental, adopte só "a de abandonar definitivamente" un proxecto que despreza as decisións soberanas do pobo canario.

Pola súa banda, Julio Barea, portavoz de Greenpeace, recordou o maior accidente da historia vinculado á industria petrolífera, ocorrido en augas do golfo de México durante a fase de prospección, para denunciar que este proxecto nos leva ao abismo e ao caos climático", cando Canarias "é rica en alternativas para a enerxía limpa".

Mar Asunción, portavoz de WWF, avogou por que se produza canto antes a "transición" das enerxías fósiles ás renovables e por que o Goberno non desatenda as voces dos científicos.

O portavoz de Ecoloxistas en Acción, Teo Oberhuber, fixo fincapé no impacto económico e social deste proxecto e cualificou de ''impensable'' que o Goberno siga adiante tras comprobar o maioritario rexeitamento cidadán e doutros sectores.

Asegurou que se o fallo do Tribunal Supremo sobre os diferentes recursos interpostos polas organizacións ecoloxistas contra as prospeccións petrolíferas non lles é favorable, eles seguirán loitando; "en ningún caso nos van parar", aseverou.

En opinión de David Howell, portavoz de SEO/BirdLife, "é un bo sinal" que a sociedade se envorcase coa ONG, que son "a canle da indignación popular", e denunciou os intereses políticos e empresariais que están detrás deste proxecto e que desprezan a opinión maioritaria do pobo canario, español e de moitos cidadáns de todo o mundo.

Para rematar, Fernando Gutiérrez, presidente da Confraría de Pescadores do Hierro, asegurou que Canarias ten potencial para o desenvolvemento das enerxías renovables, como demostra o feito de que esta illa está a piques de converterse na primeira do mundo en autoabastecerse ao cento por cento con enerxía eólica.

A entrega das firmas produciuse con total normalidade, e os responsables das cinco organizacións ecoloxistas e do Cabildo de Lanzarote puideron entrar á sede da compañía para rexistralas.

Comentarios