O alcalde do Grove reitera que A Lanzada está no seu municipio

«En principio, para nada», respondeu o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, á pregunta de se a ausencia da súa homóloga de Sanxenxo, Catalina González, nun acto celebrado hoxe no Centro de Vacacións da Lanzada, foi consecuencia da disputa sobre a titularidade da praia.

A continuación, dixo que nada tiña que aclarar, e que o Concello veciño enviara a un representante que podía facelo. No entanto, Pérez non deixou pasar a oportunidade de reiterar a González a petición de que desista do seu empeño, e subliñar que seguirán defendendo cada centímetro de territorio.

O rexedor grovense asegurou que está disposto a tenderlle a man á alcaldesa para canalizar a relación polas vías da «razoable convivencia», antes de anunciar que «calquera resposta» que poida dar o Concello será pola vía dos acordos adoptados pola Corporación.

Tan relaxado como Miguel Ángel Pérez, o concelleiro de Turismo de Sanxenxo, José Luís Rodríguez, empezou aclarando que a alcaldesa «non vai a todos os actos», e tivo que ser corrixido por un xornalista cando dixo que só acudira un alcalde, xa que tamén estaba o da Illa de Arousa, Manuel Vázquez.

O edil demostrou ter reflexos e despachou con ironía a comprometida pregunta que posiblemente esperase. «Estamos no Grove na actualidade, pero hai moitos ano non sei onde estariamos», manifestou cando foi cuestionado sobre a localización do lugar onde fixo as súas manifestacións.

«Cando os seus veciños lle reclaman un só metro cadrado de terreo, o Concello ten a obrigación de investigar», expuxo, sinalando, a continuación, que tamén lle asiste o dereito de defenderse ao que é obxecto da reclamación.

Situándose por encima da disputa protagonizada por dous alcaldes do PP, o independente sostivo que o lóxico fose que este tema fose tratado nos despachos, sen deixar de xustificar as manifestacións de Catalina González, porque asegurou que os veciños lle entregaron documentación que xustifican as súas demandas territoriais.

Seriedade

O terceiro en camiñar sobre cristais foi o presidente das Deputación, Rafael Louzán, que logo de recordar que xa lle preguntaron sobre o tema, apelou á resposta dada entón, e dixo que os representantes públicos deberían ocuparse de cousa máis serias, como limpar a praia, tarefa na que a institución provincial está empeñada a fondo, como quedou demostrado coa presenza dunha máquina no areal a semana pasada.

Despois mantivo que considera lexítimas as reclamacións dos comuneiros, pero as institucións deben colaborar entre elas. «Somos privilexiados e afortunados de ter esta praia da Lanzada», dixo. Mentres falaba Louzán, ao lonxe podían divisarse as cristas brancas das ondas. O mar ruxía. Sopraba o vento de dirección Sur, e as nubes ameazaban con descargar dun momento a outro. Houbo quen vaticinou que caería un ballón. Non foi así. Fallaron os prognósticos. Non se mollou ninguén.

Comentarios