O BNG considera que é un día ''triste'' para os galegos

A deputada do BNG Carme Adán asegurou hoxe que a proposta do PP para reformar a Lei electoral supón unha "redución da democracia e do autogoberno de Galicia", polo que considerou que hoxe é un "día triste" para os galegos.

O PP rexistrou hoxe no Parlamento galego a súa proposta de reforma electoral para reducir de 75 a 61 os deputados autonómicos a partir da próxima lexislatura.

Adán sinalou en declaracións aos xornalistas que esta proposta non é máis que "tinta de lura" para non falar dos problemas "verdadeiros" dos cidadáns, como o paro e o aumento do custo da vida en áreas como a electricidade, os combustibles e outros bens e servizos básicos.

Segundo a deputada do BNG, se o presidente galego quere falar de reducións para aforrar pode facelo rebaixando persoal de confianza e asesores e tamén eliminando as deputacións provinciais, nas que hai "máis de cen deputados" e que suporía un aforro de 400 millóns de euros ao ano, dixo.

Tamén criticou que o PP asegure que esta reforma non variará o resultado electoral e afirmou que iso é "falso", xa que, segundo dixo, o partido no goberno trata de asegurarse unha maioría que "ten perdida na rúa polas súas nefastas políticas".

Por este motivo pediu ao PP que retire a proposición de lei e manifestou que o BNG está disposto a falar de aforro en calquera concepto orzamentario relacionado co Parlamento que queira a formación de Alberto Núñez Feijóo que non implique o recorte de deputados.

Comentarios