O BNG pide "medidas políticas" contra Baltar por parte de Feijóo

O BNG esixiu este mércores ao presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que "non se escude" na decisión de Fiscalía de arquivar a denuncia contra o máximo responsable da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acusado por unha muller de terlle ofrecido un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais con el.

O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, evocou o contido das gravacións da denunciante a Baltar, nas que, entre outras cousas, abría a porta a cambiar a súa nota nun exame de acceso a un emprego. "Escoitamos o seu comportamento e as súas actitudes", remarcou o dirixente nacionalista, convencido de que o ourensán "non é digno" de representar á súa provincia. Xa que logo, desde o seu punto de vista, á marxe do percorrido xudicial do asunto, os populares deben tomar "medidas políticas". "O PP ten unha débeda coa cidadanía deste país e sobre todo coas mulleres", salientou, sen deixar de insistir en que Feijóo debe esixirlle a súa "dimisión".

Na mesma liña, a deputada da formación frontista Carme Adán subliñou que o arquivo do caso por parte da Fiscalía "non cambia absolutamente nada" na posición mantida polo BNG. "Pedimos responsabilidades políticas derivadas dá utilización dun cargo público para pedir favores sexuais a unha muller", reafirmouse.

Comentarios