O cambadés Ramón Outeda sufriu ameazas con anterioridade ao crime

Claudio Esperón
photo_camera Claudio Esperón

O cambadés Ramón Outeda Dopazo, morto a tiros na súa casa da Modia (Cambados) o 15 de xuño de 2005, sufrira ameazas de morte con anterioridade ao crime e a súa familia estaba moi asustada ao temer posibles represalias e vinganzas polas declaracións que fixesen ante a Garda Civil.

Así o aseguraron onte os axentes do Instituto Armado que declararon durante a segunda xornada do xuízo que se segue na Audiencia Provincial contra Claudio Esperón Carballa polo asasinato de Ramón Outeda. O axente instrutor sinalou que, cando empezaron a investigación, atopáronse con moitas reticencias por parte da familia da vítima.

A súa viúva "tiña medo a que quen matou ao seu marido volvese matalos a eles" e "medía moito as súas palabras ao falar das actividades de narcotráfico do marido, para non prexudicar á súa familia". Este mesmo axente indicou que a investigación foi exhaustiva e interrogouse a moitas persoas da súa contorna. Entre elas algunhas directamente relacionadas co tráfico de drogas, pero se concluíu que "ningún tiña relación co crime".

Comentarios