O Camp Nou decide esta noite o primeiro título da tempada

Un partido decisivo no Camp Nou definirá mañá o campión da Supercopa de España entre o Barcelona e o Atlético de Madrid, coa presenza do arxentino Lionel Messi no once azulgrana para medirse ao competitivo conxunto branquivermello, que desafía a condición de favorito do rival.

A final mantén toda a emoción tras o partido de ida, resolto cun empate a un no estadio Vicente Calderón e con mellores sensacións para o Atlético que para o Barcelona, que poderá dispor de Messi, xa recuperado da lesión que provocou a súa substitución hai unha semana e a súa baixa do pasado domingo en Málaga.

O arxentino, quen se retirou lesionado no partido do Calderón cun hematoma intramuscular producido por un golpe no bíceps da perna dereita, exercitouse onte, luns, con total normalidade e entrará na convocatoria que o seu compatriota Tata Martino dará tras o adestramento desta tarde.

O Barça intentará facer valer o 1-1 da ida e levantar o seu undécimo título da Supercopa cun once moi similar ao que xogou hai sete días no Calderón, pero con algúns cambios respecto ao equipo que disputou o último partido de Liga na Rosaleda.

Así, ademais de Messi, volverán ao once Dani Alves e Sergio Busquets, a quen Martino deu descanso contra o Málaga. E tamén podería estrearse como titular o brasileiro Neymar Da Silva.

Coas súas últimas aparicións, nas que exhibiu un gran nivel, Neymar demostrou estar sobradamente preparado para asumir a titularidade. De producirse mañá, Pedro Rodríguez ou Alexis Sánchez empezarían como suplentes.

A entrada de Messi tamén podería deixar fóra a Cesc Fàbregas, aínda que non se descarta que Martino atrase ao xogador de Arenys de Mar, que se atopa nun gran momento de forma, e sente no banco a Andrés Iniesta, moi apagado neste inicio de tempada.

Manter a presión arriba e imprimir unha maior velocidade na circulación do balón serán dous das claves para que os azulgranas poidan levar o partido.

En fronte estará o Atlético, que comezou a lume de biqueira a tempada. O 5-0 ao Rayo, que completou o mellor inicio de Liga da súa historia, xunto ao da tempada do dobrete de 1995-96, confirmou o seu bo momento, tras o gran partido de ida fronte ao Barcelona ou a vitoria na primeira xornada contra o Sevilla.

Asume a condición de favorito do Barcelona e a superioridade do seu rival -"eles son mellores que nós", admitiu esta mañá o arxentino Diego Simeone, o seu técnico, en rolda de prensa-, pero tampouco renuncia a nada, consciente de que o seu equipo ten ferramentas suficientes para competir contra calquera adversario.

Xa o demostrou nas tres finais que disputou con Simeone no banco, todas resoltas con vitoria (3-0 ao Athletic na liga Europa de 2012, 1-4 ao Chelsea na Supercopa continental dese ano e 1-2 ao Real Madrid na Copa do Rei de 2013), e proponse agora gañar a súa segunda Supercopa de España da historia, logo da conquistada en 1985 ante o mesmo adversario.

Non cambiará o técnico a fisionomía nin o estilo do seu equipo, probablemente tampouco a formulación de hai unha semana no encontro de ida, cun bloque intenso, con presión no seu medio campo e coa misión de reducir ao máximo os espazos para o seu rival cada vez que se achegue á área do belga Thibaut Courtois.

Funcionoulle no Vicente Calderón e, salvo sorpresa, apostará polo mesmo no Camp Nou, aínda que Simeone avanzou que, ante o Barcelona, "sempre hai que buscar algunha alternativa, sen romper a estrutura" do equipo. O once, en calquera caso, prevese que sexa idéntico ao que empatou no encontro de ida contra os azulgranas.

Mario Suárez e Koke Resurrección, suplentes o pasado domingo fronte ao Rayo, volverán á aliñación, con Courtois na portería; Juanfran Torres, Joao Miranda, Diego Godín e Filipe Luís, na defensa; Gabi Fernández, no medio con Mario; Arda Turan, nunha das bandas; e Diego Costa e David Villa máis adiantados, coa posibilidade de que un deles traslade a súa posición ao carón.

Ese é o once probable para o encontro, no que o equipo tamén desafiará ás súas estatísticas máis recentes no Camp Nou. Alí perdeu os seus sete últimos duelos, con 28 goles en contra e cinco a favor, e alí xogarase agora a Supercopa coa intensidade e a fortaleza que demostrou desde a chegada de Simeone.

ALIñACIóNS PROBABLES
Barcelona: Valdés; Alves, Piqué, Mascherano, Jordi Alba; Sergio Busquets, Xavi, Iniesta ou Cesc; Alexis, Neymar e Messi.

Atlético de Madrid: Courtois; Juanfran, Miranda, Godín, Filipe; Arda, Gabi, Mario, Koke; Diego Costa e Villa.

Árbitro: Fernández Borbalán (C. Andaluz).

Estadio:
Camp Nou.

Hora: 23.00.

Comentarios