O Celta anuncia o traspaso de Pape Cheikh ao Olympique de Lyon

O club francés pagará dez millóns de euros máis catro en variables polos dereitos do internacional sub19
Pape Cheikh
photo_camera Pape Cheikh

O Celta de Vigo anunciou este martes, a través dun comunicado de prensa, o traspaso do centrocampista Pape Cheikh ao Olympique de Lyon, que pagará á entidade galega dez millóns de euros máis catro en variables polos dereitos do internacional sub19.

"O Real Club Celta e o Olympique de Lyon pecharon este martes o acordo para o traspaso dos dereitos federativos do centrocampista Pape Cheikh. O canteirán chegou ao RC Celta en categoría xuvenil e disputou unha vintena de partidos co filial antes de unirse ao primeiro equipo. A pasada campaña participou en 16 encontros de Liga", destaca o club galego.

O Celta expresa a Pape o seu "máis sincero agradecemento" polo seu "exemplar comportamento, profesionalidade e entrega" durante a súa etapa tanto nas categorías inferiores como no primeiro equipo, e deséxalle "un rotundo éxito" na súa nova andaina no fútbol francés.

O traspaso ao Lyon, co que será presentado este mediodía, converte a Pape no canteirán celeste máis caro da historia -superando os 12 millóns polos que Míchel Salgado foi vendido ao Real Madrid en 1999- e na segunda maior venda da historia do Celta, só por detrás dos 18 millóns polos que Manuel Agudo Nolito se foi a tempada pasada ao Manchester City.

Comentarios