O Congreso gástase en novas tabletas e computadores máis de 827.000 euros

O Congreso gastará na compra de 490 novas tabletas e 699 computadores de sobremesa destinados aos deputados e funcionarios da Cámara un total de 827.602 euros, segundo o contrato adxudicado o pasado 12 de xaneiro pola Mesa da Deputación Permanente, un día antes do comezo de XI lexislatura.

O contrato, cuxa data de formalización está fixada a partir do 31 de xaneiro próximo, está dividido en dous lotes: o primeiro por 372.032 está destinado a adquirir 490 tabletas con sistema operativo IOS (Apple) e o segundo, por un custo de 455.570 euros, para a compra de 699 computadores.

A compra das tabletas adxudicouse á empresa Asseco Spain, mentres que os computadores de sobremesa corresponderon á firma Random Centro de Informática.

No prezo deste segundo lote descontaranse 4.230 euros pola recompra de equipos antigos.

A Cámara xustifica a compra de tabletas Apple en que desenvolveu diversas aplicacións para dispositivos móbiles co sistema IOS, o mesmo que teñen os teléfonos intelixentes que se entregan aos deputados.

En canto aos computadores de sobremesa, o Congreso detalla no prego de condicións que a maioría de equipos teñen unha antigüidade superior aos cinco anos, polo que considera necesario renovar o parque de computadores con máis de oito, que xa non pode realizar convenientemente as tarefas que se requiren.

ENERXÍA ELÉCTRICA. Este contrato non foi o único recentemente adxudicado pola Mesa da Deputación Permanente, xa que a Cámara concedeu a Gas Natural Comercializadora o contrato de subministración de enerxía eléctrica para os edificios do Congreso por un valor de 2.774.734 euros para os próximos 23 meses.

Segundo consta no escrito de adxudicación, a porcentaxe da enerxía verde da subministración será do 100 por 100.

Gas Natural impúxose cunha puntuación de 100 puntos a Iberdrola, que tivo 97,28.

Aura Enerxía, cun 94,95 e Factor Enerxía, con 87,42 puntos, quedaron en terceiro e cuarto posto, respectivamente.

Desde decembro de 2014, a Porta dos Leóns do Congreso loce unha nova iluminación led de baixo consumo instalado grazas á colaboración de Fundación Iberdrola.

Comentarios