O Consello Regulador do Mexilón pide investigar en profundidade as toxinas aparecidas en Francia

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia reclamou unha investigación en profundidade para determinar as circunstancias da aparición en Francia de mexillón con presunta presenza de toxina e procedencia galega, informou a Efe o presidente da entidade, Francisco Alcalde.

A alerta sanitaria comunicouse onte e as autoridades francesas informaron de que están a retirar este produto desde o pasado martes.

Os depuradores manteñen que fai máis de dez días que non exportan mexillón e, polo tanto, a primeira sospeita do sector, ante a falta de concreción da noticia, é que se puidese tratar dunha partida que non pasase os controis legalmente establecidos.

É precisamente a falta de información, explicou o responsable do Consello, a que fai tamén que creza a preocupación, pola repercusión que poida supor para a imaxe dun produto con denominación de orixe. "É certo que existe moita preocupación, sobre todo pola imaxe que se pode transmitir. Isto vainos a prexudicar, pillounos de sorpresa e é moi recente", sinalou Alcalde, que xa reclamou que se investigue o sucedido canto antes", porque "falta documentación e un informe sobre o ocorrido".

Alcalde apelou á seguridade que reporta o instituto galego responsable desta materia, INTECMAR, "que é un centro recoñecido non só en España, senón internacionalmente e fai controis todos os días, o que é unha seguridade, e por iso pido tranquilidade", concluíu.

O Consello certificou en 2012 case 22,5 millóns de quilos de mexillón, un 2% máis que no ano 2011.

Comentarios