O cura de Domaio di que tardará "moito" en asimilar o ocorrido o pasado xoves

Samuel Aristizábal agradece as mostras de agarimo recibidas pola xente da parroquia moañesa
El cura de Domaio, Samuel Aristizábal
photo_camera El cura de Domaio, Samuel Aristizábal

O cura da parroquia pontevedresa de Domaio (Moaña), Samuel Aristizábal, agradeceu este luns as mostras de agarimo recibidas tras o asalto que sufriu o xoves pasado na casa reitoral. O home, que saíu do hospital tras catro días de ingreso, asistiu á capela de San Lourenzo para festexar o día grande das festas e quixo participar na misa.

A pesar de que considera que "hai que asumir" o ocorrido porque "a vida é así", non esquece a agresión cunha bombona de butano que lle propinaron os catro asaltantes. Co palador roto e a mandíbula fracturada en tres partes, polo que fala con dificultade, ademais de negróns en pescozo, queixo e ollos, asegurou que "as imaxes están aí, permanentes, é algo que tardarei moito en asimilar". En canto á malleira, destacou "a violencia coa que actuaron -os asaltantes- e a agresividade, pero iso deixámolo en mans de Deus".

Don Samuel, de orixe colombiana e con raíces vascas, foi atado de pés e mans mentres durmía, para recibir posteriormente varios golpes cunha bombona de butano. Dos agresores, só se coñece a súa procedencia romanesa, e a investigación continúa coa procura. Os veciños de Domaio recibiron ao párroco, visiblemente emocionado e en cadeira de rodas, entre aplausos e palabras de ánimo á súa chegada á capela onde se celebrou a misa.

Comentarios