miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

O Dépor, tocado tras outra goleada

depor_sporting_dentro.jpg
depor_sporting_dentro.jpg

O Sporting de Xixón, esporeado pola marea de afeccionados que o arroupou no estadio de Riazor, conseguiu a súa terceira vitoria (0-3) en Liga, todas elas de forma consecutiva, e avivou sombras do pasado no Deportivo, que empezou ben, pero afrouxou ante a adversidade.

Os branquiazuis, que perderon en UEFA o xoves ante o CSKA de Moscova (3-0), viñeron abaixo tras o primeiro tanto dos asturianos, levaron o segundo en tres minutos, e tiveron que xogar a segunda parte cun menos por expulsión do arxentino Diego Colotto.

Angustiado pola súa falta de gol, o conxunto coruñés intentou sacar a presión de encima co empuxe do mexicano Andrés Gardado, Ángel Lafita e Pablo Álvarez e a mobilidade de Iván Sánchez 'Riki', que recuperou a titularidade, pero os cambios introducidos por Miguel Ángel Lotina non modificaron o gafe dos branquiazuis.

As ocasións non faltaron
O equipo galego xerou ocasións, a primeira aos poucos segundos de partido tras un centro de Filipe Luís que Riki rematou fóra, e tivo o gol cerca cun remate de cabeza de Colotto que desviou baixo os paus o capitán Rafael Sastre aos doce minutos.

Tamén tivo o tanto ao seu alcance Guardado, que quedou só ante Cuéllar tras un erro de Sastre e perdoou desde o punto de penalti, desde onde foi incapaz de dirixir o esférico á portería do cadro asturiano.

O Sporting, máis tímido, advertira das súas intencións cun contragolpe que Diego Castro desaproveitou e volveu á carga no ecuador do primeiro período con outra acción do centrocampista, que rematou ao corpo de Aranzubia pero despois foi derrubado por Lopo e provocou o penalti co que se adiantaron os xixoneses.

Festa asturiana... e bochorno branquiazul
Barral abriu desde os once metros a conta goleadora do Sporting e animou aos máis de 4.000 seguidores branquivermellos que presenciaron o partido no estadio de Riazor e que empezaron a gozar entón dunha festa asturiana en territorio galego.

O Deportivo esborrallouse en dous minutos, practicamente igual que no partido de UEFA ante o CSKA, e o Sporting ampliou a súa vantaxe cunha diana de Carmelo González, que definiu ante Aranzubia tras un erro de Alberto Lopo no despexe.

O gol tombou aos galegos, que tampouco reaccionaron coa entrada de Juan Carlos Valerón a falta de sete minutos para o descanso e ademais sufriron a expulsión do arxentino Colotto aos 44 minutos por frear a Barral logo dunha perda no centro do campo e outro erro de Lopo en defensa.

Dúas goleadas seguidas
O Deportivo arriscou na segunda parte para intentar meterse de novo no partido, do que non se foi ata os últimos minutos grazas ás intervencións de Dani Aranzubia, que salvou ao seu equipo.

O meta rioxano saíu triunfador dun man a man con Barral, resolveu un ataque de Diego Castro cunha intervención espectacular, e tamén superou un cara a cara con Luís Morán, pero a falta de sete minutos encaixou o terceiro gol do partido.

Diego Castro sentenciou o encontro e acabou cun Deportivo que partiu en dous para intentar buscar unha remontada imposible e que queda cos mesmos puntos do Sporting e tocado logo de dúas goleadas seguidas.

O Dépor, tocado tras outra goleada
comentarios
ç