O gasto en prestacións sitúase en 2.187,9 millóns en marzo, un 16,6% menos que en 2013

O gasto en prestacións por desemprego situouse en 2.187,9 millóns de euros en marzo, o que supón un descenso do 16,6 % respecto ao mesmo mes de 2013, segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

A cobertura do sistema de protección por desemprego situouse no 58,93 %, máis de catro puntos porcentuais menos que en marzo do ano anterior.

O número de perceptores das prestacións chegou a 2.671.085 persoas, un descenso do 9,3 % respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Destes, 1.116.345 persoas percibían a prestación contributiva (17,6 % menos), 1.169.987 recibían o subsidio por desemprego (4,6 % menos) e 260.444 persoas tiñan a Renda Activa de Inserción (10,8 % máis), en tanto que 124.309 contaban co subsidio de eventuais agrarios (3,5 % menos).

O gasto medio mensual por persoa (sen incluír o subsidio agrario de Andalucía e Estremadura) foi de 838,5 euros, 72,9 euros menos que en marzo de 2013 (8 % menos).

A contía media bruta percibida por beneficiario foi de 855,8 euros, 37,9 euros menos, é dicir, unha baixada do 4,4 %.

O número de solicitudes foi de 773.649 (8,3 % menos) e tramitáronse 752.385 altas (6,6 % menos).

O tempo medio empregado para o seu recoñecemento foi de 1,5 días, prazo inferior nun 35 % ao do mesmo mes de 2013.

O número de beneficiarios estranxeiros, que supoñen o 9,78 % do total, situouse en 261.353, o que representa un 16,8 % menos que no mesmo mes de 2013.

O descenso dos beneficiarios estranxeiros foi superior entre os procedentes de países non comunitarios (21,3 % menos) que entre os da contorna comunitaria (8,7 % menos).

Do total de estranxeiros demandantes de emprego, os que reciben prestacións supoñen o 35,61 %.

O gasto dedicado aos perceptores estranxeiros baixou un 22,3 % ata 172,7 millóns de euros, cifra que supón o 7,9 % do gasto total das prestacións por desemprego.

Comentarios