O novo ministro de Xustiza será Rafael Catalá

O novo ministro de Xustiza será Rafael Catalá Polo, actual secretario de Estado de Infraestruturas, informou Presidencia do Goberno nun comunicado no que explica que o xefe do Executivo, Mariano Rajoy, aceptou esta tarde a dimisión de Alberto Ruiz Gallardón.

Rajoy comunicou xa ao Rei a substitución á fronte do Ministerio de Xustiza, que será asumido ata a toma de posesión do novo ministro pola vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría.

O cesamento de Ruiz Gallardón farase efectivo mañá coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado, engade a nota.

Catalá tomará posesión do seu cargo a próxima semana, cando conclúan as viaxes oficiais do Rei a Nova York para asistir asemblea xeral da ONU e de Rajoy a China.

O presidente do Goberno agradeceu a Ruiz Gallardón "o labor desenvolvido á fronte do Ministerio durante este tempo e a súa colaboración solidaria co conxunto do Goberno durante unha etapa de gran esixencia para todos".

Catalá Polo foi secretario de Estado de Xustiza entre 2002 e 2004 e, na actualidade, é secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda no Ministerio que dirixe Ana Pastor.

Comentarios