O outro álbum de Pontevedra

Comezou sendo un blogue persoal para compartir coa familia e amigos; con todo, en só un par de semanas vellapontevedra.blogspot.com recibiu xa preto de 7.000 visitas, moitas delas da estranxeiro – EE UU, Venezuela, Arxentina, Canadá e Vietnam, entre outros– e é recomendado en redes sociais como Facebook.

Baixo o título de 'Ah! Como cambiamos...', o seu administrador, José Antonio, alias 'xosecas', que prefire permanecer no anonimato, fai un repaso da historia da cidade de Pontevedra nas últimas décadas a través das súas xentes e as súas rúas, inmortalizadas en imaxes e vídeos que recuperou coa axuda dos seus amigos e veciños.

''Levo dous anos e pico no paro, e isto sérveme de entretemento para non pensar demasiado nin romperme a cabeza. Dedícolle moito tempo ao día'', explica.

''Todo comezou cando se me ocorreu buscar fotos de familia por casa de hai anos, para escanealas e volvelas a imprimir, porque estaban moi deterioradas. Entón atopei unha da Rúa Nova de Abaixo de hai máis dun século, na que só aparecen casas, ningún edificio –conta José Antonio– coloreeina e pensei que a moitos dos meus coñecidos e veciños gustaríalles vela, e que mellor forma que mostrala a través de Internet. Así empezou todo''.

O blogue inclúe varias seccións, entre as que destacan ‘Vistas da cidade' e ‘Xentes de Pontevedra'. Ademais, tamén se ofrecen algúns vídeos, como un documental sobre Diario de Pontevedra realizado na década dos oitenta por Televisión Española.

José Antonio recoñece que é un pontevedrés dos da Ferrería: ''A miña nenez transcorreu entre a Praza da Verdura e a da Ferrería, porque eu vivía na rúa San Sebastián. Acórdome perfectamente do ruído das máquinas da imprenta de El Pueblo. Curiosamente, en 1975 eu empecei a traballar nunha imprenta''.

''Moita xente está a botarme unha man nisto. Especialmente os meus amigos Enrique Pérez, Santiago Moreira, Amador Larriba e José Luís Arellana, presidente do Gremio de Mareantes. Tráenme moitas fotos e postais antigas'', agradece Xosecas.

''Agora estou a buscar uns vídeos dunhas películas que se rodaron nos 60 en Pontevedra, na zona do Carabela e de Santa María'', avanza.

''Eu non son escritor e cometo moitos erros nos textos, pero a idea do blogue é basicamente gráfica. Faime moita ilusión cando me felicitan'', conclúe.

Comentarios