O perito xudicial asegura que o descarrilamento de Angrois ''non se tería producido'' con ERTMS


Peritos na zona do descarrilamento (ALV)

O enxeñeiro de telecomunicacións designado como perito xudicial polo Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, que instrúe a causa polo descarrilamento do Alvia en Angrois en xullo no que morreron 79 persoas, asevera no seu informe preeliminar que "de terse  despregado a infraestrutura ERTMS de vía necesaria para poder operar baixo a supervisión completa do ETCS nivel 1 ata a mesma estación de Santiago, tal e como estaba previsto no proxecto orixinal, e operando xa que logo neste modo, o accidente non se tería producido".

"Considero que é un risco para a seguridade da circulación moi difícil de asumir o feito de que poidan existir traxectos de alta velocidade onde se produzan variacións significativas de velocidade, como é o caso, de 220 quilómetros por hora a 80 quilómetros por hora, sen contar nese punto coa supervisión dun sistema de protección automático como o ERTMS/ETCS N1 ou N2", subliña César Mariñas Davila no seu ditame, de 55 folios, notificado este xoves ás partes e ao que tivo acceso Europa Press.

De acordo coas informacións do portal web da axencia de noticias, o experto entende que o modificado do proxecto redactado por Adif realiza "variacións moi significativas" con respecto ao proxecto orixinal e indica que unha delas tivo como consecuencia que este traxecto da liña 082 fosen "os únicos 87 quilómetros dos aproximadamente 3.000 quilómetros da rede de alta velocidade española" que non contan con ancho "de vía internacional".

Unha das "consecuencias máis relevantes para a causa" desta modificación do proxecto orixinal é o cambio da transición do sistema ERTMS, que nun principio debería ser instalado ata a estación de Santiago e que concluíu no quilómetro 80,169.

Comentarios