O PSdeG pide o cambio da Lomce para darlle máis poder aos docentes

Os socialistas mostráronse optimistas de cara á tramitación porque "non suporá unha alteración económica"

O grupos socialista reclamou rematar co "inmovilismo" respecto dos traballos para lograr o pacto social e político sobre o sistema educativo. Para iso, presentou unha proposta de modificación da reforma educativa, a Lomce, para cambiar determinados postulados sobre a rede de centros e os claustros de profesorado.

Luís Álvarez  sinalou en rolda de prensa, que se trata dunha iniciativa parlamentaria que vai na liña doutras presentadas polos seus homólogos socialistas "en todo o Estado", tras constatar que se están dilatando" os traballos en relación ao pacto, por parte do PP e o Goberno central, e "non se actúa coa celeridade e firmeza necesarias" para lograr un acordo "no menor tempo posible".

Coa aprobación da Lomce, as direccións selecciónanse nunha comisión con maioría de representación da administración

A proposta socialista articúlase, neste caso, a través dunha PNL "moi extensa" e na que se inclúen diversas propostas de modificación da tamén chamada Lei Wert.  Unha delas afecta á programación da rede de centros, co fin de que se permita priorizar á "pública sobre a concertada".

Álvarez sinalou que, tendo en conta que a rede pública é a que dá "cobertura universal, esta opción é a que debe ser "absolutamente priorizada" nas políticas educativas.

O CLAUSTRO. Outras das propostas do grupo socialista refírense ás competencias do claustro de profesores e ao sistema de elección dos directores dos centros.

Coa aprobación da Lomce, as direccións selecciónanse nunha comisión con maioría de representación da administración, limitando a tan só un 30 ou un 50 por cento os representantes dos centros educativos.
Os directores, ademais, asumiron a autoridade de elaborar os proxectos e normas, as programacións anuais, as decisións sobre admisión de alumnos e sobre recursos complementarios, que en opinión do PSdeG "deben volver aos claustros".

Así mesmo, a proposta establece que estes órganos de dirección sexan seleccionados no marco dunha comisión con maioría de representantes do centro e que "dous terzos" dos seus membros pertenzan á comunidade escolar.
O parlamentario socialista mostrouse optimista de que esta modificación poida saír adiante, tendo en conta a configuración do arco parlamentario e a que esta tramitación "non suporá unha alteración económica" que permita xustificar "o veto" do Goberno central.

Comentarios