O PSdeG apoia a denuncia do persoal do CHUAC polo ''colapso'' de urxencias

O PSdeG mostrou o seu respaldo á denuncia do persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) polo "colapso" do servizo de urxencias debido "aos recortes da Xunta".

A portavoz socialista no Concello da Coruña, Mar Barcón, visitou esta tarde á xunta de persoal do CHUAC, que mantén un peche como protesta polo "colapso" do servizo de urxencias, provocado, segundo denuncian, "polos continuos recortes da Xunta na área de sanidade".

Barcón trasladoulles o seu apoio e o do Partido Socialista, así como o seu compromiso de defender aquelas reclamacións que expoña o persoal sanitario e os profesionais da sanidade.

Como médico en exercicio, Barcón asegurou que comprende a situación actual crítica que atravesa a sanidade polas decisións políticas do Partido Popular, que, denuncia, "aplica recortes sen ter en conta as consecuencias".

Neste sentido, lamentou que a retirada e perda do cartón sanitario está a motivar que moitos cidadáns acudan ao servizo de urxencias como única alternativa para recibir atención médica, o que á súa vez desvirtúa este servizo tan importante.

A portavoz socialista reclamou ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo medidas concretas e inmediatas para pór coto a esta situación, á vez que pediu ao alcalde que preste o seu apoio ao persoal sanitario e defenda ante a Xunta os seus intereses, pois, advertiu, redundan en beneficio dos veciños da Coruña.

Comentarios