O virus zika podería infectar este ano a entre 3 e 4 millóns de persoas en América

A Organización Panamericana da Saúde (OPS) estima que o virus do zika podería afectar a entre 3 e 4 millóns de persoas en América nun ano, segundo afirmou este xoves en rolda de prensa Sylvan Aldighieri, experto en enfermidades infecciosas desta entidade.

"Tendo en conta que o ano pasado houbo en América 2 millóns de casos de dengue, e que o mosquito que o transmite é o mesmo, e usando modelos informáticos e tendo en conta toda a incerteza coa que traballamos, estimamos que podería haber entre 3 e 4 millóns de infectados en 12 meses", afirmou Aldighieri.

O experto salientou sen cesar o feito de que estas cifras son "estimacións" baseadas no que se sabe sobre o dengue, enfermidade que como o chikungunha transmítese tamén pola picadura do mosquito "aeades aegypty", que está presente en toda a rexión fóra de Canadá e Chile continental.

"Estamos a falar dun continente con 500 millóns de persoas onde circulan os catro tipos de dengue, o virus do chikingunha, o virus da febre amarela, e agora o zika, pero a xente non está inmunizada contra el", salientou Aldighieri.

"Entón, tendo en conta a presenza masiva do mosquito, os datos sobre infeccións de dengue, o feito de que a xente non está inmunizada e o que nos din os cálculos, podemos estimar -pero só estimar- as cifras de posibles infeccións", subliñou.

O experto recordou que pode ser que esas infeccións sexan asintomáticas, dado que estudos anteriores demostraron que o 75 por cento dos contagios non mostran síntomas.

En Brasil, o país onde primeiro xurdiron os casos e que está máis afectado pola epidemia, xa se contabilizaron un millón e medio de casos de zika e 4.180 bebés nacidos con microcefalia, doenza que se relaciona coa enfermidade, aínda que aínda non se determinou a causalidad directa. 

Comentarios